CanleTV difundirá a produción audiovisual galega en internet

A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria inaugurou hoxe CanleTV como un novo servizo de vídeo en liña destinado á promoción e difusión da creación audiovisual galega cun obxectivo exclusivamente cultural e divulgativo. A través deste portal, asociado á web da Agadic no enderezo www.canletv.agadic.info, os internautas poden acceder de xeito gratuíto a un amplo catálogo de filmes que poden visionar en streaming. CanleTV é xa unha filmoteca de máis de 120 títulos, cifra á que se irán sumando novas incorporacións, e na que teñen cabida longametraxes, curtas, videoclips e trailers, entre outros formatos.

As obras deste catálogo aparecen clasificadas en torno a seis categorías principais: ficción, animación, documental, experimental, videoclips e adiantos, cada unha delas cos seus correspondentes subapartados e etiquetas (tags) referentes aos xéneros e temáticas nas que se inscriben, de acordo coa información facilitada polos propios autores ou propietarios.

Así, o apartado de ficción establece unha agrupación inicial por xéneros (aventuras, comedia, drama, fantástico, historia e suspense), mentres que o de animación estrutúrase en función da técnica empregada (dixital, obxectos, plastilina, tradicional) e o de documental, de acordo coas temáticas abordadas (arte, ciencia, etnografía, historia, miradas, social). Inclúense, ademais, seccións específicas para o cine experimental (ensaio, videocreación, videodanza) e para os adiantos ou pezas promocionais de novas fitas (trailer, teaser, making off). Tamén os videoclips contan cun apartado propio, destinado á difusión destas pezas curtas que poñen en relación directa as industrias do audiovisual e da música.

Busca de contidos

Cun deseño que prima unha navegación sinxela e intuitiva, dá acceso desde a súa portada a un buscador que facilita a localización dun filme concreto no conxunto do catálogo a través do seu título.

A portada abre, ademais, unha fiestra ás últimas noticias do sector audiovisual galego (convocatorias, premios, cursos, presenza en festivais, etc.), que enlaza directamente coa sección Olladas-Audiovisual da web da Agadic.

CanleTV bota a andar incorporando tanto novos contidos como parte dos que albergaba o antigo portal Flocos.tv. Neste último caso, a Agadic contactou cos propietarios das pezas alí aloxadas para lles solicitar o seu consentimento cara á difusión destas obras a través da nova plataforma, de xeito que só se poñen á disposición do público as fitas das que se recibiu autorización expresa por escrito. O portal está aberto, así mesmo, á incorporación de novos filmes, independentemente da súa data de realización, que os seus autores e/ou produtores poden achegar seguindo as instrucións especificadas na propia web.

Tal e como se detalla no aviso legal de CanleTV, todos os traballos aquí exhibidos son propiedade do seu autor ou posuidor do copyright, mentres que a Agadic é titular dos dereitos de propiedade intelectual da web e dos seus elementos. Ademais, os propietarios das obras que se difunden a través desta nova plataforma contan coa posibilidade de solicitar en calquera momento a eliminación das mesmas.

 

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar