Máis de 8.000 prazas na campaña de verán de xuventude

Máis de 8.000 mozos e mozas poderán participar este ano da campaña de verán da Consellería de Traballo e Benestar. A Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado ofertará entre os meses de xuño e setembro máis de 8.000 prazas para mozos e mozas de ata 35 anos, habendo actividades específicas para menores e maiores de 18 anos. O investimento da Xunta nesta programación ascenderá a máis de 2,3 millóns de euros. A posta en marcha deste programa conlevará a contratación de preto de 900 monitores e directores de tempo libre.

En concreto, ofertaranse campamentos de verán, que inclúe intercambio con outras comunidades autónomas; oferta concertada de prazas nas instalacións xuvenís do departamento autonómico; actividades para maiores de 18 anos; campos de traballo; e accións para mozos e mozas descendentes de galegos, residentes no exterior.

Esta iniciativa inclúe varias novidades, como a unión por primeira vez dos participantes procedentes da emigración cos rapaces galegos nos campamentos e actividades para maiores de 18 anos. O obxectivo é fomentar a convivencia intercultural e a aprendizaxe mutua. Ata o de agora só tomaban parte en actividades específicas para eles. Ademais, inclúense novos emprazamentos dos campos de traballo e actividades para maiores de 18 anos.

Campamentos de verán

Con respecto á oferta de campamentos de verán para menores de 18 anos, Xuventude sorteará 4.705 prazas, distribuídas nas catro provincias galegas. A través desta programación, os mozos e mozas de entre 9 e 17 anos teñen a posibilidade de empregar o seu tempo libre durante as súas vacacións participando en actividades de carácter lúdico, cultural ou deportivo.

Ademais resérvanse outras 378 prazas para distintos colectivos como persoas con discapacidade, menores tutelados ou fillos e fillas de mulleres vítimas da violencia de xénero e outras 274 prazas para campamentos noutras comunidades autónomas, en País Vasco, Cantabria, Castela e León, Estremadura, Navarra e A Rioxa.

Toda esta oferta saíu hoxe publicada no Diario Oficial de Galicia (DOG). Os interesados terán posibilidade de anotarse ata o próximo 20 de marzo. O sorteo das prazas realizarase o 18 de abril ante notario. As actividades levaranse a cabo en diferentes quendas de entre unha semana e quince días de duración durante os meses de xullo e agosto. Os campamentos terán lugar nas diferentes instalacións xuvenís da Consellería de Traballo e Benestar.

Oferta concertada

Así mesmo, a campaña de verán de Xuventude inclúen unha oferta de prazas concertadas que suman este ano 1.685. En concreto, ofrécese o uso dos albergues xuvenís ás asociacións xuvenís, entidades prestadoras de servizos á mocidade, escolas de tempo libre, ao Consello da Xuventude de Galicia e aos consellos locais e municipais de xuventude, así como ás corporacións locais e outras entidades públicas ou privadas que realicen actividades coa mocidade. Tamén poderán formar parte desta oferta concertada os grupos de mozos e mozas non asociados que organicen actividades de tempo libre sen ánimo de lucro. Nas próximas semanas, esta iniciativa tamén sairá publicada no Diario Oficial de Galicia.

O período para poder usar estas instalacións será entre o 15 de xuño e o 30 de setembro.

Maiores de 18 anos

Por outra banda, as actividades para maiores de 18 anos inclúen unha programación dirixida a mozos e mozas galegos con idades comprendidas entre os 18 e 35 anos. Poranse á súa disposición un total de 511 prazas para participar en diferentes accións, tanto no interior como na costa galega. O obxectivo deste plan é ofrecer á mocidade unha alternativa responsable dentro do ocio e templo libre. Preténdese darlles a coñecer o territorio galego, fomentar o intercambio e espertar un interese polo desenvolvemento sostible e o uso eficiente e responsable dos recursos.

Así, ao longo dos meses de verán ofertaranse 6 programas diferentes: ‘A Coruña Express’ (estadías de 4 ou 5 días realizando diferentes probas); ‘En contacto coa natureza’ (actividades náuticas como surf e kaiaksurf e de aventura como rutas en bicicleta); ‘H2O+18: navegando polo Miño e surfeando no Cantábrico’; ‘Aventura e deporte no Parque natural Baixa Limia- Serra do Xurés’; ‘Rutas en kaiak de mar e embarcacións tradicionais’; e ‘Rutas Coñece Galicia’ (un programa rotatorio de convivencia entre participantes galegos e da Galicia exterior).

Os interesados poderán reservar a súa praza a partires de mañá, prazo que rematará cando se esgoten as prazas.

Campos de traballo

A cuarta modalidade que forma parte da campaña de verán de Xuventude son os campos de traballo, actividades encamiñadas a fomentar a convivencia a través da colaboración desinteresada e voluntaria en traballos diversos que se levan a cabo en todas as comunidades autónomas e en distintos países. A cambio do seu labor, os mozos reciben unha alternativa de lecer e tempo libre baseada no intercambio de coñecementos e culturas, da práctica de deportes e da visita a lugares de interese, tanto turísticos como históricos ou culturais.

A Consellería de Traballo e Benestar porá a disposición dos mozos e mozas galegos, do resto de comunidades autónomas e de países como Francia, Alemaña, Grecia, Italia, Corea do Sur ou Xapón ou de voluntarios e voluntarias procedentes da Galicia exterior un total de 260 prazas, distribuídas en quendas de 11 ou 15 días de duración. Esperase que a convocatoria saia publicada na web de Xuventude no mes de abril.

Os mozos e mozas galegos, ademais, poderán asistir ao mesmo tipo de actividades organizadas ao longo do territorio español (100 prazas) e no estranxeiro (96 prazas).

Emigrantes galegos

Por último, a campaña de verán contempla actividades para os mozos e mozas descendentes de galegos, residentes no exterior. Así, en colaboración coa Secretaria Xeral de Emigración ofertaranse 240 prazas distribuídas en varios programas de actividades que fomentarán o contacto e as relacións cos mozos e mozas galegos. Haberá ata cinco programas con temáticas diferentes e vinculadas por exemplo aos deportes náuticos e de multiaventura na natureza.

En definitiva, o que a Consellería de Traballo e Benestar pretende con esta campaña é favorecer a participación dos mozos e mozas galegos en múltiples actividades cun compoñente de educación non formal no ámbito do ocio e tempo libre.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar