Oitenta novos axentes da Policía Autonómica vanse adicar a investigación de incendios

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, e o comisario xefe da Policía Autonómica, José Antonio Villar

A Policía Autonómica contará, antes deste verán, cun total de 80 novos axentes que reforzarán o traballo de investigación de incendios forestais así como a loita contra o furtivismo en toda a Comunidade que na actualidade levan a cabo os 339 funcionarios do corpo.

Así o explicou este sábado o director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, que, xunto co comisario xefe da Policía Autonómica, José Antonio Villar, presentou o plan de actuación do corpo para este 2012.

Segundo indicou, a chegada destes 20 novos efectivos é posible “grazas a un acordo alcanzado co Goberno central” e permitirá reforzar “áreas clave” na actividade da Policía Autonómica que “agora recibirán un novo impulso”.

Deste xeito, está previsto que se creen “novos grupos de intervención” que se ocuparán das tarefas de investigación permanente, tanto en incendios coma en furtivismo, aumentando as patrullas de campo en todo o territorio para a prevención e control dos incendios forestais.

Neste sentido, o director xeral incidiu na “importancia” deste “reforzo” para seguir traballando nas “áreas estratéxicas” nas que se “fixo un maior esforzo” nos últimos anos.

A este respecto, valorou que a Policía Autonómica “xa sume 33 persoas postas a disposición xudicial” por causas relacionadas con incendios forestais nos dous primeiros meses de 2012 “fronte aos tres detidos por este motivo” que houbo no mesmo período de 2011.

INCREMENTO DO PERSOAL
Outra das actuacións que permitirá a chegada dos novos funcionarios, tal e como apuntou Villanueva, será “incrementar nun 50 por cento” o persoal dedicado a funcións de investigación situado na sede central de Santiago de Compostela.

Así, as dependencias da capital galega “pasarán a contar con máis de 30 efectivos”, unha cifra que “permitirá desprazar a calquera punto de Galicia un grupo especializado en investigación”.

Ademais, o director xeral de Emerxencias destacou que se prevé “cubrir todas as prazas vacantes en todas as sedes”, de modo que polo menos, “haxa un mínimo de 45 axentes” en cada sede”.

VIOLENCIA DE XÉNERO
Na súa intervención, Villanueva avanzou que outra das áreas que sairá reforzada co aumento do equipo será a da loita contra a violencia de xénero. Unha actuación na que tamén porán en marcha programas informáticos policiais de control e seguimento das vítimas.

O titular de Emerxencias tamén explicou que a policía ampliará os seus contactos con centros educativos para “solicitar información” sobre posibles problemas que poidan afectar a menores para “emprender as actuacións precisas para evitar males maiores”.

A estas iniciativas, conforme sinalou, súmanse as actividades que a Policía Autonómica ten entre as súas competencias como son as investigacións ambientais; os traballos relativos á sanidade anima, caza e pesca fluvial; a área de seguridade e intervención; e a investigación en materia de menores e familia.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar