Pachi Vázquez asume o reto de competir

O secretario do PSdeG, Pachi Vázquez, asegurou este venres que se sente “con ganas e con forza” ante o próximo congreso, ao tempo que afirmou que na súa formación “ninguén traizoa a ninguén” cando “se compite”, tras ser preguntado pola posibilidade de que se confirme que a exministra Elena Espinosa pugnará con el polo liderado do PSdeG.

En declaracións aos medios, antes de participar no acto de entrega do XIX Premio Xornalístico Puro Cora, na sede de ‘El Progreso’, Vázquez deu por feito que do conclave sairá un partido “mais fortalecido”, que marcará “o punto de inflexión” para unha alternativa ao Goberno de Feijóo, que ve “claramente fracasado”.

Tras os últimos movementos no seo da súa formación, o líder do PSdeG garantiu que “en absoluto se sente traizoado” e preguntado polos seus apoios, contestou que ten “un proxecto para o país”. “Non se trata dun problema de apoios, é un problema de proxecto e ao final son os militantes os que votan”, sinalou.

Mentres que Pachi Vázquez se declaraba “ilusionado, con ganas e con forza”, o presidente da Deputación de Lugo, o tamén socialista José Ramón Gómez Besteiro, subliñou que o PSdeG se encamiña cara a un conclave de cara ao que os delegados que saen das distintas agrupacións “van conformando as súas opinións”.

“Este é un partido democrático, e eu como delegado, falo como delegado, me toca escoitar, reflexionar, pensar e votar ese día cando haxa que elixir o novo secretario xeral”, reflexionou, para engadir que, seguindo “a súa tradición”, non fará “ningunha valoración” previa.

No cóctel, Besteiro e Vázquez coincidiron co presidente Alberto Núñez Feijóo. Tamén acudiu o exministro José Blanco, co que o secretario xeral do PSdeG mantivo unha animada conversación. Pola súa banda, Blanco declinou facer declaracións.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar