Axudas para as víctimas de violencia de xénero

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica este venres a resolución de axudas periódicas de apoio ás mulleres que sofren violencia de xénero para 2012, en réxime de concorrencia non competitiva, por un importe algo superior aos 2,39 millóns de euros, un 13% máis que a anterior convocatoria.

A secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella, explicou en rolda de prensa que do total, case 1,28 millóns impútanse aos Presupostos da Xunta deste ano e 1,12 millóns ao próximo exercicio, para o financiamento de axudas que pola súa duración xeren dereitos económicos das beneficiarias durante 2013 –a orde non se corresponde co ano natural–.

A contía das axudas, que poden percibirse por un período máximo de 12 mensualidades, oscila entre os 300 e os 800 euros ao mes, en función dos ingresos da beneficiaria, dos seus fillos menores a cargo e de circunstancias de minusvalía, entre outros factores.

O crecemento das axudas ten un “dobre valor” cuantitativo e cualitativo para a responsable de Igualdade, xa que, ao producirse no actual contexto de axustes económicos, “pon de manifesto” o compromiso da Xunta por ofrecer ás vítimas os recursos necesarios para favorecer a súa saída “do ciclo da violencia”.

Esta liña está destinada a mulleres que se atopan nunha situación de dependencia económica do agresor e teñen como finalidade garantir unhas condicións suficientes de independencia económica que lles permitan dar “o primeiro paso” ou consolidar “a ruptura dunha situación na que corren perigo”.

PERFIL MAIORITARIO

O pasado ano, 251 mulleres vítimas de violencia de xénero residentes en Galicia e os seus 255 fillos menores recibiron esta modalidade de axudas, segundo apuntou López Abella.

Delas, un 74,5% eran de nacionalidade española e o restante 25,5% inmigrantes, a maioría de orixe brasileira, seguida pola procedencia colombiana, marroquí, portuguesa e romanesa. Por provincias, Pontevedra encabeza a lista con 107 perceptoras, seguida de A Coruña con 80, Ourense con 34 e Lugo con 30.

O perfil de idade maioritario é o de mulleres no rango de 26 a 45 anos, que representa o 66% do total. Hai 165 beneficiarias que son nais, na maioría dos casos dun ou dous menores, e tamén 16 mulleres son nais de tres ou catro nenos.

Das beneficiarias de axudas en 2011, un total de 19 eran mulleres con minusvalidez e outras catro eran nais de fillos con algunha minusvalidez.

PAGAMENTO ÚNICO

Ademais desta liña de axudas, a Secretaría Xeral de Igualdade habilita outra modalidade que se efectua mediante un pagamento único, a convocatoria da cal para este ano publicarase este mesmo mes por un importe inicial –ampliable– de 300.000 euros, para mulleres que acrediten insuficiencia de recursos e unhas especiais dificultades para obter un emprego.

En 2011, recibiron esta axuda de pagamento único 48 mulleres, que no seu conxunto son nais de 74 nenos. Delas, 24 pertencen á provincia de Pontevedra, 13 á de A Coruña, seis a Lugo e cinco a Ourense.

O 92% son de nacionalidade española e, neste grupo, oito mulleres teñen algunha minusvalidez e unha é nai dun menor con minusvalidez.

 

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar