Máis de 20 millóns en proxectos de innovación sanitaria

A conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera Álvarez, anunciou na Asemblea do Cluster Saúde de Galicia, que o Servizo Galego de Saúde (Sergas) vai investir, no presente ano 2012, máis de 20 millóns de euros en proxectos de innovación sanitaria. Este investimento responde á aposta do Sergas en converter o sector saúde no motor da economía galega e unha das claves da recuperación económica.

Trátase pois da maior aposta realizada pola innovación sanitaria na historia do Sergas e afrontada ademais, no contexto económico máis difícil dos máis de vinte anos de historia do Servizo Galego de Saúde.

Neste eido, Rocío Mosquera, presentou as liñas mestras dos dous proxectos “máis ambiciosos” na historia da innovación sanitaria en España, os proxectos Hospital 2050 e Innova-Saúde.

Ambos proxectos, dotados cun orzamento de máis de 90 millóns de euros en total, representan “a nosa aposta polo desenvolvemento, da man das empresas e centros de coñecemento de Galicia, da Sanidade do Futuro”, afirmou a conselleira.

Doutra banda, Rocío Mosquera apelou a necesidade de “sumar esforzos entre todos nestes tempos de dificultade económica”. Así, a conselleira comprometeuse a apoiar firmemente a colaboración do Cluster Saúde de Galicia con outras importantes organizacións galegas, como o Cluster Alimentario de Galicia, a Plataforma Tecnolóxica Galega Agroalimentaria, o Cluster Tecnolóxico Empresarial das Ciencias da Vida, o Cluster TIC de Galicia, a Plataforma Vindeira, o Campus Vida ou o Campus do Mar entre outros.

A conselleira de Sanidade destacou tamén que “o potencial da nosa Comunidade Autónoma é moi grande”, contando co Centro de Investigación Biomédica en Red-Fisiopatoloxía da Obesidade e a Nutrición, ou coa Fundación Xenómica, coa que “debemos aproveitar todo o noso potencial no beneficio da economía da comunidade e na mellora da saúde dos galegos e das galegas”.

Hospital2050

O Hospital2050, que conta con 9 subproxectos, engloba o deseño e planificación de varias iniciativas encamiñadas a desenvolver un hospital o futuro eficiente, seguro, respectuoso co medio ambiente e adaptado ás novas tecnoloxías, e, sobre todo, centrado nos pacientes, tendo que ser considerado estratéxico e clave para a sociedade.

INNOVA-Saúde

A iniciativa INNOVA-Saúde está composta por 14 subproxectos de innovación en prestación de servizos asistenciais á vez que se facilita o desenvolvemento de negocio innovador en torno ao sector sanitario en Galicia. O obxectivo é transformar o modelo de asistencia sanitaria actual cara a outro centrado no paciente, e que dea resposta ás súas necesidades.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar