Feijóo chama «á revisión do mapa municipal» mediante cooperación ou fusión

Feijóo sauda a José Manuel Rey, alcalde de Ferrol

Durante a presentación, esta mañá, do presidente da Fegamp, José Manuel Rey, no ‘Forum Europa’, o responsable do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, celebrou que a alianza de concellos estea pasando “das xeneralidades ao detalle” e propuxo elaborar un regulamento a nivel estatal que asente este proceso en criterios obxectivos.

Feijóo afirmou que se necesita a implicación das autoridades estatais para que, sen condicionantes localistas, regule a administración local e redefina con criterios obxectivos –poboación, extensión…- a formación de concellos; “é dicir, -precisou- un regulamento estatal que asente en criterios obxectivos o camiño da cooperación municipal”. “Necesítase –engadiu- a implicación das autoridades autonómicas, que no caso de Galicia vai ser completa, como o temos demostrado, por exemplo, ao primar nas axudas aos concellos que se asocian para compartir servizos. E necesítase tamén a implicación das autoridades municipais, para que a alianza de concellos pase das xeneralidades ao detalle, e do detalle ao feito”.

O responsable autonómico agradeceu ao presidente da Fegamp a capacidade de iniciativa para estudar as posibilidades de cooperación entre concellos e a determinación para tratar de unir aos galegos arredor deste obxectivo. “En debates e decisións como esta, necesítase capacidade de iniciativa e determinación para dar pasos adiante e para sumar cada vez máis apoios” aseverou ao que engadiu que José Manuel Rey conta con “capacidade de iniciativa” para propoñelo e con “determinación” para facelo, “para unir aos galegos arredor dese obxectivo e para afrontalo coa seguridade que dá saber que é unha necesidade para garantir un futuro mellor aos nosos compatriotas”.

Feijóo aseverou que “a revisión do mapa municipal é un camiño sen retorno porque é unha necesidade da que cada vez se convence máis xente” e garantiu o traballo do Goberno galego para seguir impulsando a colaboración entre concellos para compartir servizos, ben sexa a través dunha fusión pola vía de feitos ou ben a través dunha fusión formal e completa. “A mellor maneira posible de abaratar custos e mellorar os propios servizos que prestamos aos cidadáns é crear sinerxías”, salientou.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar