Os responsables da formación en igualdade, en permanente reciclaxe

Un total de 379 persoas, profesionais dos CIMs, das casas de acollida de mulleres vítimas de violencia de xénero, dos servizos sociais dos concellos, e dos equipos comarcais de inclusión do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar participaron na segunda edición dos cursos online da Secretaría Xeral da Igualdade, celebrados entre outubro e febreiro. O dato foi facilitado esta mañá no trascurso da rolda de prensa ofrecida en Santiago pola titular de Igualdade, Susana López Abella, e o director da EGAP, Pablo Figueroa.


A iniciativa desenvólvese no marco da Escola para Profesionais da Igualdade en colaboración coa Escola Galega de Administración Pública (EGAP), a través da súa plataforma online, co obxectivo de respostar á necesidade de actualización continuada e permanente do coñecemento dos profesionais, contribuíndo a potenciar e elevar as súas capacidades e destrezas nos diferentes ámbitos vinculados ao traballo pola igualdade.

Pablo Figueroa destacou na rolda de prensa a implicación da EGAP “por contribuir á igualdade de xénero” a través da súa plataforma de formación online, “unha modalidade útil para as persoas usuarias e eficiente na xestión dos recursos públicos”.

A segunda edición estivo composta por unha oferta formativa de cinco cursos, sobre ‘Aproximación psicolóxica á violencia de xénero’, ‘Xénero e discapacidade’, ‘Muller e dereito de familia’, ‘Deseño e xestión de proxectos de igualdade’ e ‘Liderado en clave de xénero’. O curso con maior demanda foi o de ‘Xénero e discapacidade’, con 125 participantes; seguido do adicado ao liderato, con 93 participantes; o de xestión en proxectos de igualdade, con 85; o curso de aproximación psicolóxica á violencia de xénero con 46 persoas; e o de muller e dereito de familia, con 30 asistentes.

Esta alta participación pon de relevo “a importancia e utilidade dos contidos ofertados, segundo explicou a titular de Igualdade, que se irán completando en futuras edicións para respostar ás novas esixencias formativas”.

Cada acción formativa consta de 60 horas e inclúe titorías especializadas para o seguimento e resolución das dúbidas que xurdan no desenvolvemento dos cursos. Todas as persoas participantes en cada unha das accións formativas obteñen unha certificación acreditativa expedida pola Secretaría Xeral da Igualdade e a EGAP, unha vez superados os obxectivos establecidos.

Terceira edición
A Secretaría Xeral da Igualdade xa está a elaborar a nova oferta formativa para a terceira edición, co criterio de ampliar as temáticas a áreas como a atención de colectivos en situación de especial vulnerabilidade como poden ser as mulleres xestantes, no marco do compromiso adquirido no Plan integral de apoio á muller embarazada, aprobado o pasado mes de xaneiro.Tamén se está valorando a posibilidade de incluír novos cursos sobre construción da identidade masculina e implicación dos homes na construción dunha sociedade máis igualitaria, sobre destrezas en materia de construción e dirección de equipos de traballo ou sobre a trata de mulleres.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar