Meteogalicia oferta un software gratuito para móbiles

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, a través de Meteogalicia, contabilizou en tres semanas preto de 3.000 descargas da aplicación MeteoSIX Mobile, que permite consultar a predición meteorolóxica en tempo real. Tendo en conta o número de descargas e o feito de que comezou a funcionar o pasado 31 de xaneiro, isto demostra o éxito da iniciativa que pretende ser un instrumento útil para poder consultar a predición en calquera lugar e momento, polo que se amplía a accesibilidade a este tipo de información por parte dos cidadáns.

O sistema proporciona dúas vías de acceso á información. Por unha parte, no Android Market está dispoñible de balde a aplicación MeteoSIX Mobile, que ofrece aos usuarios a posibilidade de consultar e personalizar a predición para os seus lugares favoritos. A aplicación permite buscar sobre un mapa e tamén polo seu nome os lugares e entidades xeográficas sobre as que se desexa consultar a predición. Para cada lugar poden seleccionarse as variables de predición que máis interesen.

Por outra parte, para usuarios máis avanzados e para facilitar o desenvolvemento doutras aplicacións, está dispoñible un servizo web (API) que proporciona a información en diversos formatos de fácil procesamento ou incluso directamente inserible noutras páxinas web.

Información en detalle e baixada do software gratuitamente en

http://www.meteogalicia.es/web/proxectos/meteosix.action

MeteoSIX nace en decembro de 2009 coordinado por Meteogalicia e coa participación do Grupo de Arquitectura de Computadores da UDC, o Laboratorio de Sistemas da USC e o Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA). Está financiado polo Plan Galego de I+D+i INCITE da Xunta de Galicia en colaboración co proxecto Interreg RAIAco, Observatorio Oceánico da Marxe Ibérica.

Os obxectivos do proxecto son dotar a Meteogalicia dunha Infraestrutura de Datos Espaciais (IDE) para o acceso aos datos meteorolóxicos e oceanográficos e proporcionar canles de acceso á información axeitadas para o maior número posible de usuarios.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar