Feijóo chama en Vigo á cooperación e exemplifica co entendemento con Madrid

Feijóo chama á cooperación entre as Administracións públicas en presencia do alcalde, Abel Caballer

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou este mediodía que a Xunta aprobará, o próximo xoves, no Consello o Plan Sectorial do Campus do Mar, que converterá a Vigo nun dos principais referentes da innovación, especialmente da innovación mariña, e que abrirá, simultaneamente, os antigos terreos da ETEA aos cidadáns, “que terán alí unha opción de benestar, de ocio e unha nova porta ao mar”.

Durante a toma de posesión da nova delegada da Zona Franca de Vigo, Teresa Pedrosa, o responsable do Goberno galego defendeu, en presencia do alcalde socialista de Vigo, Abel Caballero, unha maior cooperación para afrontar con éxito os principais retos da cidade olívica, e puxo como exemplo a colaboración entre Xunta e Goberno central para que o naval “poida respirar hoxe un pouco máis tranquilo que fai dous meses”. “Só a través da cooperación entre a Xunta e o Goberno central é posible que en só dous meses Vigo recibira tres boas noticias: a remisión a Bruxelas dunha alternativa real para poder seguir contratando barcos en pe de competitividade como é unha nova fórmula do tax lease; a recuperación do fondo patrimonial de garantías para que os estaleiros podan financiar os seus pedidos; e atopar hoxe unha opción de viabilidade para Vulcano”, aseverou.

Así mesmo, destacou que só a través da colaboración é posible entender que se desbloqueara a nova depuradora ou que se lle deran todas as garantías xurídicas á PLISAN, “o pulmón industrial, económico para toda a área de Vigo e sur de Galicia”.

Feijóo salientou que o Goberno galego leva investidos directamente máis de 400 millóns de euros no tecido produtivo de Vigo a prol da automoción, a prol do naval ou a prol da pedra; “ou está dando resposta a unha necesidade estratéxica dos vigueses como é a construción, en plena crise económica, do hospital público metropolitano de Vigo”.

Por último, o responsable do Goberno autonómico amosou a súa confianza en que Teresa Pedrosa dea un novo impulso á Zona Franca de Vigo. “Nun tempo tan crítico como este, os cidadáns pídennos traballo, dedicación, atención ao que ocorre fóra dos ámbitos da política oficial. Pídennos, en definitiva, que institucións como esta tomen un novo impulso para afrontar os retos reais, da xente, das familias e das empresas. E Teresa Pedrosa –dixo- conta con experiencia dabondo para acreditar que non se deixará levar pola resignación e que sabe traballar en equipo e sen egoísmos”.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar