‘Oeste Solitario’, nomeada ao Max coma Espectáculo Revelación

A obra ‘Oeste Solitario’, de Produccións Teatrais Excéntricas, foi nomeada ao Max ao Espectáculo Revelación, tal e como deu a coñecer o comité organizador dos Premios Max das Artes Escénicas.

Este ‘western doméstico’ está dirixido por Quico Cadaval e adaptado por Avelino González, e no seu elenco conta con Víctor Mosqueira, Evaristo Calvo, Marcos Correa e María Lado. O ano pasado, Quico Cadaval xa gañou o Max ao Mellor Autor Teatral en Galego por ‘Shakespeare para Ignorantes’.

‘Oeste Solitario’ é unha obra de Martin McDonagh, autor «tamén dun cranio furado’, que Produccións Teatrais Excéntricas puxo en escena a tempada pasada e que levou cinco premios María Casares.

Os protagonistas de ‘Oeste Solitario’ son Valene e Coleman, dous irmáns que tan pronto como regresan do funeral do seu pai, xa empezan a disputarse a herdanza e converten a casa nun campo de batalla. Con ‘Oeste solitario’, Martin McDonagh pechou a súa Triloxía de Lennane, a terra do oeste de Irlanda na que pode pasar de todo.

 

PREMIOS MAX

 

O Max ao Espectáculo Revelación recoñece as montaxes máis significativas producidas en cada autonomía. A cerimonia de entrega será o próximo 30 de abril no Teatro Circo Price de Madrid.

O xurado, que está formado por expertos e empresarios das artes escénicas, é convocado pola Federación de Empresas Produtoras de Teatro e Danza (FAETEDA) e a Fundación Autor/SGAE, organizadora dos premios.

Os candidatos, segundo a súa comunidade de procedencia son, ademais da obra galega, ‘Don Juan Tenorio’ (Teatro del Temple, Aragón); ‘Folías’ (Teatro Factoría Norte, Asturias); ‘Malasombra’ (Au Ments Espectacles, Baleares); ‘Un culo anda suelto’ (Delirium Teatro, Canarias); ‘En alta mar’ (La Machina Teatro, Cantabria); ‘Por unos pasitos de ná’ (Ambulantes Danza, Castilla-La Mancha); ‘Los girasoles rotos’ (Ballet Contemporáneo de Burgos, Castilla y León).

Tamén están nomeados ‘Operettta’ (Somfònics/cor de Teatre, Cataluña); ‘Eufòria’ (Compañía L’Horta Teatre, Comunidad Valenciana); ‘Materia prima’ (La Tristura, Madrid); ‘Los dos gemelos venecianos’ (Distrito Teatro y el Hechizo Teatro, Murcia); ‘Misión imposible. El Ratoncito Pérez contra la Bruja Caries’ (Fundación Municipal Teatro Gayarre y Olazar Gestión, Navarra); e ‘Calla y come’ (Compañía la cocina, País Vasco).

Ademais das 23 categorías a concurso, os Premios Max outorgarán outros catro premios especiais que se darán a coñecer nas próximas semanas: Max de Honra, Max Iberoamericano, Max Novas Tendencias e Max da Crítica.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar