Feijóo compromete cubrir por satélite as sombras de Internet

Feijóo, no control central de Retegal, a carón da TVG, en San Marcos
O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou esta mañá que 9 de cada 10 galegos xa teñen pleno acceso á internet e avanzou a posta en marcha do último eixo do Plan de Banda Larga, que garantirá a incorporación dixital do 100% dos galegos. “Estamos cumprindo os obxectivos en prazo e en forma. A día de hoxe, xa están en marcha 5 das 6 actuacións que recolle o Plan e neste ano 2012, imos impulsar o sexto eixo, que nos permitirá poder cubrir a través de tecnoloxía satélite o 6% da poboación galega á que non podemos chegar con outro tipo de despregamentos”.

Durante unha visita ás instalacións de Retegal, Feijóo cualificou a tecnoloxía como piar clave para superar o illamento xeográfico; e afirmou que se ben Galicia chegou tarde ás vías de comunicación viarias e ferroviarias, non quere chegar tarde ás vías de comunicación dixitais.

O titular da Xunta resaltou os froitos da aposta tecnolóxica da Xunta, que xa ten permitido garantir Internet ao 55% dos galegos que non tiñan acceso á rede e reducir en máis dun 70% a fenda dixital existente entre as provincias do interior e as do eixo atlántico. “Logramos que máis galegos teñan internet; logramos reducir o desequilibrio territorial; e logramos mellorar o acceso nos lugares onde se prestan servizos públicos, xa que o 70% dos colexios, xulgados, centros de saúde… que non tiñan Internet, poden acceder hoxe á rede”.

Así mesmo, destacou que 984.000 galegos xa dispoñen de acceso ás redes de nova xeración, que permiten velocidades de 100 Mbps. “É dicir, o 60% da poboación obxectivo de conquerir este tipo de velocidades está cuberta en menos de tres anos”, explicou.

Ao longo da súa intervención, Feijóo reiterou o compromiso de que este 2012 estean en marcha o 100% das liñas de traballo do Plan de Banda Larga para cumprir o 100% dos obxectivos marcados. “O primeiro obxectivo é que o 100% dos galegos teñan acceso a Banda Larga; e hoxe, estamos xa no 90%. E o segundo é que o 100% dos polígonos industriais teñan acceso de calidade; e, actualmente, o 70% dos polígonos teñen acceso a esta calidade en banda larga”.

O titular da Xunta destacou como terceiro obxectivo que todos os puntos de demanda de servizos públicos teñan cobertura de calidade; “e hoxe, -matizou- o 94% dos centros de saúde, dos xulgados, das farmacias teñen acceso a elo”. O cuarto obxectivo é que máis de 1,2 millóns de galegos teñan rede de última xeración, e, na actualidade, o 60% dese 1,2 millóns de persoas teñen acceso a rede de última xeración; e o quinto, eliminar o desequilibrio territorial, obxectivo logrado en máis dun 70%.

Feijóo lembrou amais que grazas a unha aposta decidida e ambiciosa, o Goberno galego ven de aprobar no Consello o primeiro anteproxecto de Lei de Telecomunicacións que fixo a Xunta en 30 anos de autonomía, e cun obxectivo claro: que a tecnoloxía se considere un servizo público do mesmo xeito que a auga ou a luz.

Por último, o responsable autonómico salientou a boa evolución do operador Retegal, que ten sido clave para o desenvolvemento do Plan de Banda Larga e doutros fitos como o apagamento analóxico ou a futura creación da Rede Dixital de Emerxencias, propiedade da Comunidade autónoma.

“Retegal tense convertido –dixo- nunha pata fundamental no ámbito das tecnoloxías e nun operador integral de telecomunicacións da comunidade. Nun operador clave para que se fixeran realidade fitos como o apagamento analóxico e o paso a TDT, o desenvolvemento do Plan de Banda Larga ou clave para o deseño da futura Rede Dixital de Emerxencias. E nun operador ambicioso, que ten un papel importante en proxectos innovadores como, por exemplo, no recente lanzamento do picosatélite Xatcobeo impulsado pola Universidade de Vigo e no que están participando tanto Retegal como a propia Xunta”.

Feijóo salientou que, entre os operadores públicos, as administracións públicas e os operadores privados, estanse a investir 1.600 millóns de euros. “E o investimento mobilizado entre operadores públicos e privados neste Plan de Banda Larga supera os 235 millóns de euros”.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar