‘Forcon’: programa de formación e fomento da inserción laboral

O Goberno galego puxo en marcha un programa pioneiro que combina formación e emprego, ‘Forcon’, para formar a un total de 300 mozos galegos con baixa cualificación e fomentar a súa incorporación no mercado laboral a través de incentivos a empresas.

Nunha rolda de prensa celebrada este sábado, a directora xeral de Emprego, Ana María Díaz, e o director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, José Luis Mira Lema, explicaron que este programa é unha das iniciativas acordadas o pasado mes de xaneiro no marco do diálogo social e conta cun presuposto inicial de 1,4 millóns.

Deste xeito, o Executivo autonómico favorecerá o emprego e facilitará a inserción laboral dos mozos sen cualificación que, como indicou Ana María Díaz, representan «un dos colectivos que presentan maiores dificultades actualmente» cunha taxa de paro en Galicia do «29 por cento» e que «no conxunto de España alcanza o 50 por cento».

En concreto, a iniciativa desenvolverase en dúas fases, unha formativa e outra de emprego. Para poñelas en marcha, a Xunta inverterá 1,4 millóns de euros, aos que se sumarán os incentivos á contratación que se outorguen na fase de acceso ao mercado laboral.

FORMACIÓN

Na fase formativa, o director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa explicou que os participantes poderán formarse en especialidades formativas vinculadas a sectores estratéxicos como a economía verde, a economía da saúde e a do coñecemento.

Esta formación estará vinculada á obtención de certificados de profesionalidade, que terán validez en todo o Estado e desenvolverase en centros sete centros do departamento de Educación e dous do de Traballo, todos eles repartidos por toda a Comunidade.

Ademais, poderán participar nestas accións os mozos que non teñan formación académica ou que sexan titulados en educación secundaria obrigatoria. Entre outras, impartiranse especialidades formativas como mantemento e montaxe mecánica de equipo industrial ou atención sociosanitaria a persoas dependentes.

PRÁCTICAS

Unha vez rematado o período de formación, os participantes realizarán unha fase de prácticas en centros de traballo, como primeiro achegamento ao mercado laboral. Este módulo, que durará seis meses, realizarase en empresas do sector, seleccionadas pola Administración para participar no proxecto.

Durante esta etapa, o alumnado estará vinculado contractualmente coa empresa, con cotización á seguridade social, e as condicións laborais serán as establecidas no convenio colectivo de aplicación.

A empresa contará cun incentivo público á contratación temporal, que ascenderá a 2.500 euros. No caso que estes contratos temporais fosen despois transformados en indefinidos, ao rematar a súa vixencia, a empresa tería dereito a unha axuda complementaria de 2.500 euros.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar