A planta de Clesa en Caldas, a salvo

Ambiente festivo na planta de Clesa

O conselleiro de Economía e Industria visitou a planta de Clesa en Caldas para celebrar xunto cos traballadores, o comité de empresa e representantes do comité de seguimento, a boa nova da autorización da venda da planta de Clesa á Agrupación Cooperatica Láctea, liderada por Feiraco. Javier Guerra salientou que esta magnífica noticia se debe ao importante traballo “feito en conxunto” garantindo a continuidade da planta de Caldas e o seu futuro nun sector estratéxico para Galicia.

O conselleiro resaltou o feito de que sexa un grupo galego o que sigue adiante co proxecto, e insistiu en que “imos facer todo o que estea na nosa man para que isto sexa un punto e seguido e as cousas aínda melloren”. Javier Guerra lembrou o longo camiño recorrido durante estes meses ata chegar ata aquí, “había un proceso xudicial e non foi doado solventar os problemas pero, grazas ao obxectivo común de todos, conseguimos a continuidade do proxecto”.

Agradeceu ao alcalde a súa implicación e especialmente ao comité de empresa e a todos os traballadores “a súa actitude, o seu esforzo e colaboración”, fundamental para que o proxecto saíra adiante. “Este é un exemplo de como se poden solventar situacións complicadas” destacou o conselleiro, “agora temos ante nós un futuro que é bo para a empresa, para Galicia e para o sector lácteo”.

 

O conselleiro lembrou o compromiso da Xunta de Galicia desde o inicio e o seu respaldo á oferta de Feiraco como a mellor fórmula para dar continuidade á factoría. Agradeceu a Feiraco a súa “profesionalidade, a boa proposta presentada e o traballo feito ao longo deste tempo”, unha proposta seria e viable que aposta de xeito firme polo mantemento do tecido laboral, industrial e social da Comarca.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar