Técnicos e responsables municipais especialízanse en urbanismo

O conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Alfonso Rueda, destacou a importancia da formación en urbanismo dos responsables municipal na inauguración das Xornadas sobre normativa urbanística que teñen lugar na Escola Galega de Administración Pública.

Alí o titular de Presidencia incidiu na relevancia destas xornadas ao afirmar que no contexto actual de renovación normativa é imprescindible poñer a disposición dos cargos electos os detalles da nova normativa para reforzar o rigor no ordenamento urbanístico dos concellos galegos.

O conselleiro fixo fincapé na procedencia destas xornadas debido ao novo marco normativo producido pola modificación da Lei de ordenación urbanística de Galicia (LOUG) que entrou en vigor en 2010, e tamén polo renovado escenario municipal, con concelleiros que veñen de tomar posesión fai nove meses.

Así, Rueda incidiu na aposta da Xunta pola ordenación do territorio, que vai dende a reforma da LOUG ata a aprobación definitiva das Directrices do Territorio ou do Plan do Litoral, sempre en total colaboración cos concellos.

Ademais, neste ano, o Goberno galego acometerá importantes reformas no eido paisaxístico coa posta en marcha dunha Estratexia da Paisaxe que require a colaboración expresa das entidades locais. A ordenación do territorio e a protección do paisaxe son vitais para Galicia e esixen un esforzo conxunto de Xunta e os concellos para coidar así o urbanismo galego.

O obxectivo das xornadas, que hoxe teñen lugar na EGAP, é basicamente proporcionar información aos cargos electos e directivos das entidades locais en materia de ordenación do territorio e urbanismo, con especial incidencia na recente Lei de ordenación urbanística de Galicia.

Os contidos a tratar nas xornadas son a distribución de competencias urbanísticas entre as administracións públicas implicadas, o planeamento municipal e a colaboración coas entidades locais, as novidades lexislativas en materia urbanística e de ordenación do territorio, os principios xerais do réxime urbanístico da propiedade do solo, as obras sen licenza, a suspensión de obras en execución, e as infraccións e sancións urbanísticas.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar