Os «irmandiños» de Beiras néganse a abandoar os cargos aos que accederon como BNG

O Encontro Irmandiño (EI) replicou á dirección do BNG que a súa escisión da fronte nacionalista «non implica a saída do grupo municipal» do Bloque e demandou «diálogo» para «preservar a vontade popular» saída das urnas nas eleccións de maio do ano pasado.

Despois de que o luns o voceiro nacional do BNG, Guillerme Vázquez, dixera que os escindidos do BNG deberían deixar os seus cargos e de que o candidato nacionalista á presidencia da Xunta, Francisco Jorquera, sostivera que deberían pasar ao grupo dos non adscritos, o Encontro Irmandiño rexeita esta opción e argumenta que «deixar a militancia nunha forza política non implica a saída dun grupo municipal, nin legalmente nin aplicando o sentido común».

«De feito, hai moitos grupos nos que participan persoas independentes que non son militantes deste», argúe a corrente liderada por Xosé Manuel Beiras, que o pasado domingo aprobou por aclamación nunha asemblea abandonar a militancia no Bloque.

Os irmandiños reivindican nun comunicado que «o fundamental é preservar a vontade popular, saída das urnas aínda non fai un ano» e subliñan que o respaldo de votantes supón un apoio a «listas e programas electorais que o EI está decidido a cumprir e respectar».

Ao respecto, tamén indican que a cidadanía que optou por candidaturas municipais do BNG, nas que ían integradas persoas de diversas correntes políticas, apoiaron «esas listas e esas persoas».

Por conseguinte, EI aposta por «seguir cooperando e respectando a composición dos grupos municipais», de forma que convivan membros de EI e do BNG para que «sigan respondendo ás expectativas depositadas» pola cidadanía.

 

MARTIÑO NORIEGA

O vicevoceiro do Encontro Irmandiño e alcalde de Teo, Martiño Noriega, asume a súa marcha do BNG como un «fracaso persoal e colectivo» ao ver que se «rompeu a unidade de acción do nacionalismo de esquerdas» e que o Bloque «xa non é a casa común», pero o político teense asegura tamén que mira ao futuro «con moita esperanza e ilusión». «A sociedade demanda un novo referente político», manifesta ao ser preguntado por se confía en que se poida articular un proxecto con outros militantes que conformaron a candidatura conxunta con Máis Galiza e independentes na XIII Asemblea Nacional.

«Teño o convencemento de que decidan o que decidan os referentes de Máis Galiza, o movemento que está a acontecer nas bases é imparable», constatou Martiño Noriega, nunha entrevista concedida a Europa Press, tras a asemblea do Encontro Irmandiño na que se decidiu a escisión do BNG. A este respecto, e preguntado por se ese movemento «imparable» empurrará a saída da corrente que lidera Carlos Aymerich, o rexedor de Teo intuíu que «forzará a saída da cidadanía activa de Máis Galica».

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar