Unha aplicación permitirá aos concellos aforrar electricidade

A Consellería de Economía e Industria, a través do Instituto Enerxético de Galicia (Inega), está a desenvolver unha ferramenta informática de cálculo de tarifas eléctricas que se porá a disposición dos concellos galegos e que os guiará na adopción de medidas de aforro e na contratación da subministración eléctrica máis adecuada as súas necesidades.

A aplicación permitirá optimizar a potencia contratada e a demanda de enerxía reactiva, sinalando as posibles medidas a tomar neste campo, que irán desde a o aumento ou a diminución da potencia contratada á instalación de baterías de condensadores para obter o máximo aforro. Así mesmo, a ferramenta servirá tamén para comprobar que os consumos de cada concello sexan coherentes co tipo de subministro contratado, ao tempo que analizará a posible conveniencia de optar pola discriminación horaria. Neste sentido, a aplicación avisará a aqueles concellos que teñan o recargo do 20% no prezo da factura por non ter pasado ao mercado libre.

Por último, o sistema permitirá comprobar que os prezos contratados están en consonancia coa demanda enerxética municipal e co tipo de consumo realizado, evitándose que se supere a media do mercado a prezos de referencia.

Co desenvolvemento desta ferramenta, a Consellería de Economía e Industria reitera a súa aposta polo aforro e a eficiencia enerxética ao tempo que contribúe ao aforro económico dos concellos, que en función das súas características poden solicitar distintas liñas de axuda postas en marcha polo Inega, como as destinadas á realización de auditorías enerxéticas ou a substitución de luminarias por outras máis eficientes.

 

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar