Primeiro decálogo de dereitos das persoas maiores

 

A Xunta de Galicia anunciou este venres a posta en marcha do primeiro decálogo de dereitos das persoas maiores de Galicia, que constituirá a base para o fomento da plena participación social deste colectivo e para promover esta etapa da vida como unha etapa positiva.

A secretaria xeral de Política Social, Coro Piñeiro, presentou este documento ante as asociacións de maiores, universidades senior, aulas da terceira idade e sindicatos que colaboraron na súa elaboración  de forma activa.

A partir de agora, este decálogo difundirase a través da páxina web e distribuirase nos centros sociocomunitarios, residencias, centros de día e asociacións de maiores.

O documento, sinalou a Xunta, inscríbese na aposta do Goberno galego por apoiar ás persoas maiores, que representan máis de 22 por cento da poboación de Galicia.

ANEXO: Decálogo de persoas maiores

As persoas maiores teñen dereito a:

  1. O respecto da súa dignidade e intimidade, tanto se son autónomas coma se se atopan en situación de dependencia.
  2. Elixir libremente o seu modo de vida, a levar unha vida independente e a que se lles garanta a permanencia, sempre que sexa posible, no seu contorno habitual rural ou urbano.
  3. Decidir como queren dispoñer do seu tempo libre e a gozar cos seus seres queridos
  4. Dispoñer duns ingresos que lles garantan o seu benestar e a utilizar os servizos públicos para cubrir as súas necesidades sociais, de saúde e atención xeriátrica, de ser o caso.
  5. Decidir como, onde e por quen queren ser atendidas cando a súa autonomía e/ou capacidade estean limitadas, así como a recibir coidados paliativos, cando proceda.
  6. Un envellecemento activo, mediante a participación en programas formativos, de ocio e culturais, e ao acceso aos espazos e ás canles necesarias para que se produza unha convivencia interxeracional.
  7. Participar activamente na vida pública, social e política, tanto individualmente como a través de órganos colexiados, e a que se teñan en conta as súas opinións e a súa sabedoría.
  8. Ser executoras e receptoras de programas de voluntariado, mediante a achega da súa experiencia persoal e laboral e da súa capacidade para transmitir valores e coñecementos.
  9. Poñer en coñecemento dos poderes públicos as situacións nas que sintan que non están recibindo o trato adecuado e a que se interveña de xeito inmediato cando estea en perigo a súa atención ou a súa vida.
  10. Que se lle dea á sociedade unha imaxe positiva desta etapa da vida e a que se difunda a través dos medios de comunicación.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar