‘Usted está aquí’ une o baile e o teatro en Santiago

 

A formación Licenciada Sotelo e Compañía, liderada pola bailarina Nuria Sotelo, trae ao Salón Teatro de Santiago o seu espectáculo ‘Usted está aquí’, no que a artista forma parella de baile con Natxo Montero baixo a dirección de Ana Vallés. A montaxe, que se representa este venres 10 e o sábado 11 ás 20.30 horas, está formulada como unha unión de baile e teatro que busca a suxestión como forma de comunicación co público.

Licenciada Sotelo regresa así ao espazo escénico que xestiona o Centro Dramático Galego (CDG), despois de que o pasado mes de decembro realizara aquí unha residencia técnica e artística dunha semana para ultimar sobre o escenario a estrea de Usted está aquí.

A creadora, directora e actriz Ana Vallés asina e dirixe esta peza que, segundo explica, non trata en ningún momento de ofrecer respostas, senón de poñer en dúbida conceptos que asimilamos sen reflexionar sobre eles. Neste sentido, a montaxe toma como punto de partida «a diferenza entre información e comunicación, o xogo deliberado e a relación fortuíta entre estas dúas formas de transmitir algo».

No texto de presentación do espectáculo, Vallés engade que en Usted está aquí, «a información é afirmativa, non admite discusión; o que informa sabe como son as cousas, ten claro unha mensaxe, sitúase por riba», mentres que no caso do termo comunicación, «o que transmite quere poñer algo ‘en común’ co outro, sitúase no seu nivel, dá por sentado que o outro é igual, busca a complicidade e a implicación».

Nos límites da realidade

Desde a escena, a obra busca facer partícipe ao espectador e trata de involucralo, buscando unha credibilidade ou verosimilitude, máis que unha veracidade. Por parte dos intérpretes, amósase deliberadamente unha ambigüidade que esvaece os límites da realidade e a representación, sen determinar onde comeza unha ou remata a outra, que é «verdade» ou «mentira», que é máis natural ou improvisado e onde reside concretamente o «artificial».

Estreada o pasado mes de decembro no Teatro Rosalía da Coruña, Usted está aquí regresa a Galicia despois de ofrecer tres funcións en La Fundición de Bilbao, espazo escénico de referencia no ámbito dos circuítos de creación contemporánea.

As entradas para asistir ás súas dúas funcións en Santiago de Compostela poranse á venda no despacho de billetes do Salón Teatro, aberto o venres e sábado a partir das 18.30 horas. Tamén se poden adquirir por adiantado na billeteira electrónica a través do teléfono 902 43 44 43 ou da web http://entradas.novagaliciabanco.es. O prezo das localidades é de 10 euros, cun desconto do 40% para estudantes, xubilados, usuarios do carné xoven, desempregados e determinados colectivos profesionais.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar