O portal do comercio galego de venda online

Clickee na imaxe para acceder ó portal

A Consellería de Economía e Industria e a Federación Galega de Comercio presentaron esta mañá o portal de comercio electrónico comerciogalicia.es, unha plataforma que permitirá ao sector ofrecer un escaparate conxunto para a venda a través de internet. O portal, que será xestionado pola Federación Galega de Comercio, conta cun deseño atractivo e sinxelo, e ofrece servizos de envío e de pagos unificados, así como vantaxes como a venda por lotes, permitindo mercar en distintas tendas cunha soa transacción económica.

O conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra, salientou que a posta en marcha de comerciogalicia.es permite aos comerciantes galegos «abrirse a novos mercados, conseguir clientes para os seus negocios e ofrecer novos e mellores servizos aos consumidores que xa confían neles día a día, combinando a súa actividade comercial tradicional coa venda a través de internet».

O titular de Economía e Industria, quen asegurou que «con iniciativas coma esta conseguimos un sector comercial máis competitivo e dinámico», lembrou que «o impulso á modernización e dinamización do comercio de proximidade é un dos eixos estratéxicos da actuación da Consellería». Guerra lembrou que «Economía e Industria traballa man a man co sector dotándoo das ferramentas e apoios necesarios, como o Plan Ágora- Agora recomercia, onde se plasma a estratexia comercial da Xunta, ou co desenvolvemento da Lei de Comercio Interior de Galicia».

A posta en marcha desta web, para a que agora comeza o proceso de captación de establecementos, enmárcase na constante colaboración para o impulso ao sector da Consellería de Economía e Industria coa Federación, á que se levan destinado tres millóns de euros no que vai de lexislatura.

O conselleiro, quen salientou que o fomento do asociacionismo é fundamental para contar cun sector cada día máis forte, recordou que grazas á colaboración entre ambas entidades «se puxeron en marcha numerosas inciativas centradas na información, a formación e a promoción do comercio de proximidade».

Entre estas iniciativas destacan o mantemento do Gabinete de Asistencia da Federación Galega de Comercio, destinado a asesorar ás asociacións de comerciantes, a posta en marcha da campaña de dinamización do consumo As compras na túa vila teñen premio ou a reactivación da campaña de formación en inglés.

Oportunidades que ofrece o comercio electrónico ás pemes e ás microempresas para acceder a máis clientes e a unha maior cobertura xeográfica

A secretaria xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, Mar Pereira, indicou que «debemos apostar activamente pola dinamización das TIC as nosas empresas para poder competir nun escenario máis global e competitivo». A responsable de novas tecnoloxías inaugurou esta mañá a Xornada «As TICs e os Social Media: Claves para a Competitividade», organizadas por Telefónica.

Na súa intervención, Mar Pereira recordou que aínda existe unha importante fenda dixital entre as pemes e as microempresas da Comunidade no que a presenza en Internet se refire. O 98% das pemes galegas dispoñen de conexión a Internet, e case un 65% delas contan con páxina web, situándose en valores moi próximos aos acadados a nivel estatal, Sen embargo no caso das empresas de menos de 10 empregados, nas que o 64% dispoñen de acceso a internet e soamente o 27,4% delas contan con páxina web.

Para a secretaria xeral estes resultados reflicten que aínda queda camiño por recorrer no proceso de dixitalización das pemes. Nunha contorna cada vez mais dixital e interconectada, dispor de acceso e presenza en internet constitúe un elemento clave para que as empresas galegas poidan abrirse ao mundo e dar visibilidade ao seu negocio así como un factor imprescindible de subsistencia.

comerciogalicia.es from Federación Galega de Comercio on Vimeo.

Comercio electrónico

Neste sentido, Mar Pereira sinalou que «o comercio electrónico representa unha das mellores oportunidades que ofrecen as TIC para acceder a máis clientes potenciais e a unha maior cobertura xeográfica». E as empresas galegas tamén teñen un reto por diante xa que datos de 2010 revelan que mentres que o 38% das pemes galegas comprou bens e servizos a través do comercio electrónico, só o 17% vendeu a través de Internet.

Por iso, «debemos tomar consciencia –sinalou- de que esta nova canle de comercialización non é cousa de grandes firmas, senón que aporta beneficios ao sector empresarial no seu conxunto, independentemente do seu tamaño».

En España o eCommerce presenta un crecemento exponencial e segundo o último informe sobre comercio electrónico en España realizado pola CMT (Comisión do Mercado das Telecomunicacións), tivo un aumento interanual do 23,1%, cun volume de negocio de 2.055,4 millóns de euros.

Redes Sociais

Por outra banda, a responsable de Modernización fixo fincapé na importancia e o impacto que teñen as redes sociais na estratexia empresarial en canto establecen unha nova forma de darse a coñecer e de relacionarse co mundo. Así, a rede social Facebook conta actualmente con mais de 800 millóns de usuarios á que seguen outras como Twitter que xa supera os 200 millóns.

Desde a Xunta de Galicia tamén existe unha evidente vontade de darlle prioridade ás súas relacións coa cidadanía e empresas a través da súa presenza nas redes sociais e a posta en marcha de servizos web propios da web 2.0.

Así, coa recente aprobación do Decreto que regula a presenza da Administración en Internet, a Xunta materializa o seu obxectivo de impulsar as redes sociais como canle de diálogo, participación e interacción coa cidadanía, asentando así as bases dunha futura e-democracia. A este respecto, en decembro de 2011, xa existían un total de 96 canais nas redes sociais nas Consellerías da Xunta de Galicia.

Impulso do Open Data e da Banda Larga

Este decreto aborda tamén a reutilización de datos que obran en poder do sector público, ao impulsar o movemento Open Data na Xunta de Galicia. Esta medida constitúe un elemento xerador de emprego e riqueza ao abrir a posibilidade de novas oportunidades de negocio para emprendedores que poden crear novas aplicacións, servizos e produtos en base a esta información.

Pero todas as medidas e avances na implantación das TIC non serían posible sen a extensión das infraestruturas de telecomunicacións. De aí a relevancia do Plan Banda Larga, a través do cal a Xunta de Galicia asume o compromiso de facilitar o acceso á rede a todos os galegos no horizonte do 2013.

Desde a súa posta en marcha, en febreiro de 2010, e grazas ao desenvolvemento de actuacións enmarcadas no mesmo, a finais de 2011 o 87,35% dos galegos xa podían acceder a este servizo e case o 75% dos parques empresariais e polígonos industriais que carecían de cobertura xa dispoñían de posibilidade de conectarse á rede.

No marco deste plan seguirase a traballar para posibilitar no 2012 o acceso á banda larga ao 91,38% dos galegos e a máis do 90% dos parques empresariais e polígonos industriais con carencias de cobertura da nosa comunidade.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar