Ana Pontón, voceira do BNG no Parlamento trala renuncia de Aymerich

A deputada nacionalista Ana Pontón asumirá a portavocía parlamentaria do Grupo do BNG, en substitución de Carlos Aymerich, quen puxo a súa renuncia enriba da mes no transcurso da celebración da Executiva da fronte, malia a petición unánime dos membros da Executiva de que seguise á fronte desta responsabilidade. Ana Luis Bouza, membro de Máis Galiza, será vicevoceira.

Á espera da repartición das áreas da dirección, os membros da Executiva que repiten posto continuarán coas súas responsabilidades, mentres que o voceiro nacional, Guillerme Vázquez, asume as áreas vacantes ata que se produza a distribución definitiva de competencias.

Desta forma, continuará como secretaria de Organización Montse Prado; Ana Pontón, como secretaria de Imaxe e Propaganda; Rafa Vilar, como secretario de Acción Social; Francisco Jorquera, como Acción Institucional; Xoán Bascuas, como secretario de Acción Municipal; Francisco García, como secretario de Finanzas; e Ana Luisa Bouza, como responsable de Coordinación das Comisións do Consello Nacional.

Mentres, o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores; a alcaldesa de Tomiño, Sandra González; a deputada Carme Adán; Rosana Pérez; e o propio Carlos Aymerich seguen sin ocupar áreas (este último porque o facía nas relacións parlamentarias). Tampouco ostentan ningunha área os tres irmandiños que están na Executiva –Xosé Manuel Beiras, María Casar e Martiño Noriega–, que non formaban parte da anterior dirección.

O Encontro Irmandiño celebra o próximo domingo día 12 unha asemblea aberta na que debe adoptar a decisión de se continúa na formación frentista ou non, despois da XIII Asemblea Nacional do BNG, na que a alternativa conformada polos ‘irmandiños’ e Máis Galiza –xunto con independentes– non logrou sacar adiante nin as súas teses nin os seus candidatos a voceiro nacional e á presidencia da Xunta.

O líder deste partido, Xosé Manuel Beiras, xa manifestou tras o conclave que agora os membros do Encontro deben adoptar unha decisión á vista dos resultados e avaliar se se conseguiron os obxectivos de «refundación» e «rexeneración» que pedía esta alternativa por «un novo proxecto común».

Coa petición realizada este luns, os ‘irmandiños’ evitan asumir áreas de responsabilidade na Executiva da que poderían saír se o próximo domingo deciden escindir o seu partido da fronte nacionalista, na fundación do cal participou o propio Xosé Manuel Beiras.

PETICIÓN UNÁNIME DA EXECUTIVA

Por outro lado, nunha rolda de prensa improvisada ante os medios de comunicación, Guillerme Vázquez explicou que a Executiva «pediu unanimemente» a Carlos Aymerich que seguise no posto, malia o cal, o que ocupou esta responsabilidade co bipartito e ata agora na VIII Lexislatura, escolleu «desenvolver outro tipo de responsabilidades».

Como consecuencia desta decisión do líder de Máis Galiza, Ana Pontón foi designada pola Executiva Nacional como voceira parlamentaria, mentres que Ana Luisa Bouza asume a viceportavocía que deixa vacante a sucesora de Carlos Aymerich.

En declaracións a Europa Press, a nova vicevoceira do Grupo do BNG sinalou que acepta este novo «reto» despois de que Carlos Aymerich lle «animase» a iso e «sabendo» que «quita capacidade» o feito de que o voceiro saínte non siga nesa responsabilidade.

Así mesmo, explicou que agora cumpre abordar cos demais compañeiros do Parlamento a repartición de responsabilidades, e sinalou que asume este posto co ánimo de «poñer todo para que o grupo funcione, faga oposición ao PP e defenda os galegos».

Pola súa banda, Carlos Aymerich manifestou o seu «agradecemento» a Ana Luisa Bouza por acoller esta responsabilidade, o que, ao seu xuízo e segundo manifestou a Europa Press, demostra que a decisión de non seguir á fronte do grupo é súa persoal e «non «ten que ver» co que aconteza no futuro con Máis Galiza no seo da formación nacionalista.

 

Imprimir

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar