Manuel Baltar releva ó seu pai na Deputación de Ourense

 

Xosé Manuel Baltar recibe a bastón de mando de mans do vicepresidente da Deputación, Rosendo Fernández

 

 

Manuel Baltar Blanco tomou este luns o relevo do seu pai á fronte da Deputación de Ourense cun discurso no que reivindicou o «ourensanismo» e o «galeguismo» e no que situou a creación de emprego como o seu «obxectivo principal» á fronte desta institución, que José Luis Baltar Pumar presidiu durante os últimos 22 anos.

Dende primeira fila, o propio Baltar Pumar seguiu o acto de toma de posesión do seu fillo á fronte da Deputación Provincial, pouco máis de dous anos despois de que lle entregase tamén o leme do PP de Ourense no congreso provincial. Á materialización da sucesión de pai a fillo tamén asistiu o conselleiro de Presidencia, Alfonso Rueda, tamén secretario xeral do PPdeG.

A presidenta do Parlamento galego, Pilar Rojo; o delegado do Goberno, Samuel Juárez; catro conselleiros; deputados e senadores nacionais e autonómicos e alcaldes da provincia de Ourense tamén asistiron ao acto, que se desenvolveu nunha sesión extraordinaria na que o salón de plenos quedou pequeno pola presenza de autoridades políticas, civís, militares e cidadáns que a título particular non se quixeron perder a sucesión á fronte da Deputación Provincial.

A sesión foi presidida nun primeiro momento polo presidente en funcións da institución, Rosendo Fernández, onde Manuel Baltar recibiu en primeiro lugar a acta de deputado e, posteriormente, procedeuse á elección do novo presidente mediante voto secreto en urna. No reconto non houbo sorpresas e os 15 deputados do PP votaron ao seu candidato, Baltar Blanco, que foi proclamado presidente, xurou o cargo e recibiu o bastón de mando da Deputación entre aplausos dos presentes.

OURENSANISMO E GALEGUISMO

No seu discurso de investidura, o novo presidente da institución provincial ourensana fixo gala do seu «ourensanismo» e as «súas orixes» para comprometerse a «apostar sempre polos intereses de Ourense por riba de todo».

Para iso, anunciou que a súa primeira reunión de traballo cos deputados do seu grupo se iniciaría a mediodía, xusto despois da súa toma de posesión, porque «Ourense non pode esperar». Así mesmo, avanzou que «con carácter inmediato» se reunirá cos grupos provinciais da oposición porque quere «contar con todos».

No seu discurso, Manuel Baltar mostrouse orgulloso das súas orixes e de ourensanismo e en máis dunha ocasión afirmou que é «ourensano» e que cre «en Ourense» e comprácese de nacer aquí». «Aquí naceron a miña muller, as miñas fillas, os meus pais, o meu irmán e os meus avós. Aquí están as miñas raíces. Ourense é a miña razón de participar na política», proclamou.

Neste sentido, Baltar Blanco manifestou que entende a política como «un servizo á xente» e «unha causa á que ninguén debe sentirse alleo». De feito, apuntou a que a vai como «un servidor público nunca a secas», senón como «ourensano, galego, español e cidadán europeo» e un «servidor público por profesión e por convicción».

O presidente da Deputación de Ourense afirmou que o que máis le «emociona» é a súa «condición» como «concelleiro de Esgos» porque alí naceu e foi «descubrindo a identidade propia, a tradición» e «porque dende alí tamén se pode soñar co futuro e construír a modernidade».

Como xa fixera no seu discurso de toma de posesión como presidente do PP der Ourense, Baltar Blanco tamén evocou a acción dos homes da Xeración Nós», que «sentaron as bases do galleguismo político» que é unha «ideoloxía» que «comparte» e considera «vixente» e «adaptable aos retos do século XXI».

COMPROMISO CO EMPREGO

Pero ademais, Manuel Baltar situou como o seu «obxectivo principal» o de «contribuír» a «poñer en marcha» as «condicións necesarias» para «crear emprego». Por iso, na súa mensaxe central mostrou o seu «compromiso cos desempregados por riba de todo».

Neste sentido, indicou que «lamentablemente» máis de «30.000 persoas e as súas familias» necesitan «respostas urxentes» na provincia de Ourense. «Farémolo en sintonía co Goberno central e coa Xunta para que o sector privado inverta, mova e participe», afirmou.

Tamén en máis dunha ocasión destacou a «necesidade» das deputacións provinciais, que teñen «un rol protagonista neste século XXI» porque son «un verdadeiro eixe vertebrador» sobre o que debe «privotar» o «desenvolvemento» da provincia de Ourense. Así, dixo secundar a postura de Baltar Pumar de que é necesario avanzar «no autogoberno e na autonomía» e de proceder a «unha reforma e resideño» das deputacións no marco dun diálogo aberto.

O SEU PADRE, «UN TITÁN

Un dos momentos máis emotivos do discurso de investidura de Manuel Baltar foi cando recordou os seus predecesores no cargo e detívose na figura do seu pai, José Luis Baltar. Así, recordou que «hai 22 anos e 17 días el mesmo se atopaba no salón de plenos da Deputación de Ourense cando o seu pai tomaba posesión como presidente da institución e, este luns, «é el o que asiste a este acto», algo que para Baltar Blanco «é unha auténtica satisfacción».

Sobre o seu pai, sinalou que é un «político irrepetible» que «entre outras virtudes» soubo «escoller os momentos e os tempos» como o da súa renuncia, «tras un triunfo electoral se precedentes» e tras «seis maiorías absolutas consecutivas».

De feito, apuntou a que «ninguén resistiría» unha «comparación» con José Luis Baltar «se falamos de traballo, don de xentes, ourensanismo, galeguismo, defensa da nosa lingua, defensa da nosa cultura e mil cousas máis». «A súa intelixencia, entrega, humildade, proximidade, e xenerosidade constitúen todo un referente» e «tempos virán onde se lle recoñeza o o seu esforzo de verdadeiro titán», resaltou.

Por iso, Baltar Blanco afirmou que ten a «obriga» de manter «o ideario» do seu pai, que non é outro que defender os intereses de Ourense e honrar a Galicia e a España». «Os últimos 22 anos esta institución foi presidida por un dos bos e xenerosos e afinaría aínda máis: dos moi bos e xenerosos. Graciñas presidente», sentenciou dirixíndose o seu pai.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar