As políticas laborais refórzanse ca constitución do Consello Autonómico de Emprego

A Consellería de Traballo e Benestar vén de constituír e poñer en marcha o Consello Autonómico de Emprego, un órgano que se crea froito dun acordo adoptado no seo do Diálogo Social entre patronal, sindicatos e Xunta para reforzar as políticas en materia laboral co obxectivo de dotar dunha maior «solidez, estabilidade e sostibilidade» ao tecido laboral en xeral e aos traballadores e traballadoras en particular.

Así o destacou hoxe a titular do departamento autonómico, Beatriz Mato, quen presidiu a constitución deste novo canle para a posta en común das necesidades e oportunidades de Galicia en materia de emprego. Mato incidiu en que esta ferramenta servirá para integrar as achegas de todos os axentes que participan no mercado laboral. «Dotaremos, polo tanto, ás nosas decisións e medidas dunha maior amplitude de miras e transversalidade», subliñou.

A conselleira de Traballo fixo fincapé en que o Consello Autonómico de Emprego será «unha fórmula transparente, austera e eficiente» para colaborar na posta en marcha de políticas activas de emprego.

O Consello autonómico de emprego está composto por representantes da Consellería de Traballo e Benestar; das organizacións empresariais e das sindicais. Entre as súas funcións, cabe destacar que colaborará no deseño dos criterios de actuación do Servizo Público de Emprego de Galicia (SPEG); e informará sobre a planificación das políticas activas de emprego.

Tamén se encargará de emitir informes sobre a memoria anual do SPEG; e coñecerá con carácter previo os anteproxectos de Lei ou proxectos de normas regulamentarias. Todo isto ademais das funcións que resulten propias da súa condición de órgano consultivo. Reunirase semestralmente ou cando o convoque a persoa titular da presidencia (a persoa titular da Consellería de Traballo e Benestar), tanto por iniciativa propia como por solicitude da metade dos seus membros.

A iniciativa dá cumprimento ao decreto aprobado a finais de 2011 polo Consello da Xunta, polo que se crea en Galicia o Consello autonómico de emprego, xunto cos consellos provinciais e os comités territoriais de emprego. Estes configuraranse como órganos colexiados, de carácter consultivo, que se encargarán de funcións de asesoramento en materia de emprego. Estarán adscritos á Consellería de Traballo e Benestar.

Sobre os consellos provincias, Mato apuntou que xa están constituídos e que os comités territoriais crearanse en breve, antes de que remate o mes de abril.

Consello provincial

Os consellos provinciais de emprego e os comités territoriais garantirán a máxima adaptación das políticas activas de emprego a cada territorio, para o estudo das súas potencialidades nesta materia. «Son vías imprescindibles para nutrir coas propostas e contidos sobre os que imos traballar», incidiu a conselleira.

Estes órganos ocuparanse de facer o seguimento da aplicación, a nivel provincial, dos acordos do Consello autonómico de emprego; de formular propostas e recomendacións sobre a situación e desenvolvemento do emprego na provincia; de analizar a información e os informes sobre o emprego nese ámbito territorial; así como de emitir informes sobre a programación das distintas medidas das políticas activas de emprego cando estas sexan competencia das xefaturas territoriais. As reunións dos consellos provinciais serán trimestrais, tras convocatoria da presidencia.

Comités territoriais

O decreto establece a creación de 16 comités territoriais de emprego que abarcarían as seguintes zonas: Lugo-Norte; Lugo-Centro; Lugo-Sur; Ferrol-As Pontes; A Coruña- Bergantiños; Cee-Boiro; Santiago-Ordes; Betanzos-Melide; Pontevedra interior; Pontevedra-centro; Vigo; Pontevedra sur; Ourense noreste; Ourense sureste; Ourense noroeste; e Ourense suroeste.

As funcións destes comités territoriais estarán centradas en formular iniciativas aos consellos provinciais correspondentes sobre a situación do emprego no seu ámbito territorial, ao tempo que se encargarán tamén de analizar a información sobre o mercado laboral do territorio, así como da aplicación das políticas activas de emprego na zona.

Estes comités estarán compostos por representantes da Administración autonómica; das organizacións empresariais; das sindicais; así como tamén dos concellos. A presidencia será rotatoria –cunha vixencia anual- entre as organizacións empresariais, as sindicais e os concellos. As súas reunións serán trimestrais.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar