Satisfacción no PSOE galego polo resultado do Congreso

 

Pachi Vázquez, no momento de votar, no Congreso federal do PSOE, celebrado en Sevilla

O secretario xeral do PSdeG, Pachi Vázquez, mostrou a súa «satisfacción» pola vitoria de Alfredo Pérez Rubalcaba, que este sábado foi elixido novo secretario xeral do PSOE, e afirmou: «Eu sempre dixen que apostaba por el».

En declaracións aos medios de comunicación despois de coñecerse o resultado do congreso, Vázquez afirmou sentirse «orgulloso» do exministro de Xustiza, Francisco Caamaño, aínda que apostaba por unha candidatura distinta», a encabezada por Carme Chacón.

Así as cousas, avogou por «pasar páxina» a partir deste día e subliñou como «clave» dende agora «integrar, unir e ser fortes». «Se hai secretarios xerais estarei, se non hai secretarios xerais o que esperaremos é que estean homes e mulleres de Galicia fortes para representar a Galicia neste proceso», afirmou a preguntas dos xornalistas sobre a conformación da nova Executiva.

O líder dos socialistas galegos, que acudiu ao 38º congreso dos socialistas como voceiro da delegación galega, non confirmou ata o pasado xoves nunha entrevista concedida a Europa Press, que asistía asumindo a posición «maioritaria» dos 54 delegados de apoio a Alfredo Pérez Rubalcaba para relevar a José Luis Rodríguez Zapatero á fronte da dirección do seu partido, na pugna con Carme Chacón.

Preguntado polos «enfrontamentos» abertos na véspera do congreso, «en Galicia», Pachi Vázquez sinalou que lle dá «igual» que houbese «delegados dun» e «delegados doutro». «Non, non. Xa somos todos o mesmo partido. E faremos un proceso mesmo hoxe mesmo, intentaremos chegar a esa Executiva poñendo os mellores homes e mulleres que poidamos. Dá igual que fosen dunha candidatura ou doutra», destacou.

ELECCIÓNS EN GALICIA

O secretario xeral dos socialistas galegos recordou os «moitos deberes» que ten o PSOE e apostou por «combinar» esta tarefa con dúas eleccións, as de Andalucía e Asturias, para engadir que hai «outra que se está a cocer» na Comunidade Autónoma de Galicia.

«Estou seguro de que en Galicia, cada vez que polas mañás o Goberno galego vai ve cae o sistema financeiro, o plan eólico, o plan de acuicultura… Cada día máis creo que temos moita posibilidade nas eleccións galegas tamén», proclamou.

En clave galega, Vázquez resaltou que ten unha «visión moi clara», en alusión aos «compañeiros e compañeiras que se posicionaron a favor de Alfredo» e os que o fixeron «a favor de Carmen».

«DE FRAN SÍNTOME ORGULLOSO»

«Fran, eu de Fran síntome orgulloso. Síntome orgulloso aínda que apostaba por unha candidatura distinta», sinalou sobre o exministro de Xustiza. Neste sentido, valorou que sexa «un socialista galego que ten protagonismo, que está aí, dando todo, en boa lide, porque foi en boa lide, á cara».

«Compráceme», reiterou, pero a continuación referiuse ao alcalde de Vigo, Abel Caballero; ao secretario provincial do PSOE en Lugo, Ricardo Varela e ao rexedor desta cidade, José López Orozco, para recordar que eles estiveron a «defender a Alfredo».

Con todo, incidiu: «Hoxe xa todos pasan a páxina. Todos os homes teñen un espazo para sacar adiante ese proxecto en Galicia en que temos tanta ilusión».

REPRESENTACIÓN «FORTE» NA EXECUTIVA

A súa presenza na Executiva «vai depender de moitas cousas», constatou. «Depende de que teña secretarios xerais e das negociacións», apuntou, para defender unha representación «forte» de Galicia nesta.

Sobre isto, afirmou non o ter «doado» porque a Comunidade galega estaba «moi forte» coa presenza de José Blanco como vicesecretario xeral do partido e do exalcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo. Pero «imos facer un esforzo para que Galicia estea forte», insistiu.

«Como bo galego» rexeitou fixar un número de membros galegos na Executiva co que se daría por satisfeito, e optou, nesta liña, por ir «a por todas». «Tratarei de buscar coa delegación un criterio, que a xente entenda por que e ese criterio imos a defender ao longo de toda a noite de hoxe», explicou.

«ANGUSTIAS, ILUSIÓNS E DESILUSIÓNS»

«Deste congreso o que levo é unha lección de democracia impresionante», defendeu, tras comentar que a cita transcorreu «coas angustias, coas ilusións e desilusións propias de cando entre compañeiros toma unha decisión». «Dende logo con dous candidatos que a min me deixan encantado», subliñou.

«E quero empezar por Carmen», dixo, en relación a «unha candidatura que comprace ao Partido Socialista», para «rematar por Alfredo». «Eu sempre dixen que apostaba por el e creo que lle dá un marchamo ao noso partido», reivindicou.

Pachi Vázquez comentou que queda «con que hai unha nova dirección con ilusión e con ganas». «Creo que agora o bo sería que todos rememos na mesma dirección e estou seguro de que vai ser así», finalizou.

«UNHA MÁQUINA DE TRABALLAR»

Aínda que ambos os dous candidatos teñen «virtudes», o número un do PSdeG destacou dous de Pérez Rubalcaba: «que é unha máquina de traballar e é un home previsible», valores que puxo en valor «nos tempos que corren». E «sabe moi ben que temos que abrir o partido, renovar o modelo, incrementar a participación», enumerou.

Os «enfrontamentos» son «propios» do congreso, abundou, para rematar enxalzando a «cultura de incorporación» do PSOE. «Cada vez que ten un congreso, sae unido», concluíu.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar