Remata Xantar, feira de promoción dos produtos galegos

 

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, clausurou hoxe a XIII edición do salón de Gastronomía e Turismo, Xantar 2012, que se celebra desde o pasado 1 de febreiro en Expourense.

Vázquez Abad sinalou que «desde o departamento de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria que teño a honra de dirixir, creemos que, nun momento coma este de crise global e local, é preciso diferenciarnos cun esforzo singular de cada un de nós. Debemos procurar a máxima calidade e a suma de vontades cun obxectivo único: axudarnos a medrar, a progresar e a dar a coñecer Galicia, nacional e internacionalmente, como unha terra única, como un segredo a voces».

En relación coa actividade que estes días se desenvolveu en Expourense, o conselleiro realtou que «é unha cita con gran retorno para Ourense e para Galicia, tanto por razóns de imaxe e de promoción exterior, como polo interese entre o público e os profesionais do sector». Asemade engadiu unhas palabras para os estudantes do CIFP A Farixa pola súa labor no stand de información así como ao traballo das alumnas e alumnos do IES Vilamarin.

Participación da FP galega

Un ano máis a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria participou de forma activa en Xantar. Nesta edición as alumnas e alumnos do CIFP A Farixa, desde o stand da Consellería, deron a coñecer aos visitantes a oferta formativa das distintas familias de Formación Profesional, con especial atención á familia de Hostalaría e Turismo e Industrias Alimentarias.

No stand ofreceuse información sobre o proceso de acreditación de competencias que a Consellería vén de poñer en marcha, e que conta con prazas en unidades de competencia en ciclos das devanditas familias profesionais. Así mesmo no mesmo espazo tamén deron a coñecer toda a información relativa ao programa da Xunta eduemprende, para o fomento da cultura emprendedora.

Ademais o IES Vilamarín tivo unha destacada presenza neste salón Xantar, no que participou con un stand de coctelaría e outro no que se ofreceron degustacións de produtos elaborados polos alumnos, así como información sobre o centro. As alumnas e alumnos deste IES prestaron ademais asistencia nos diferentes obradoiros, catas e degustacións que se celebraron nesta edición do salón gastronómico.

Cita de referencia

Xantar 2012 recrea unha vintena de restaurantes, cos seus respectivos servizos, nunha superficie de 12.000 metros cadrados cubertos. O obxectivo deste evento é, por unha banda exaltar as materias primas coas que elaboran os seus menús, por outra fomentar a calidade e a prestación do servizo.

Xantar é tamén o punto de encontro dos recursos turísticos das rexións, concellos, e padroados de turismo – entre outros entes- que acoden a este salón procedentes de toda España e Portugal.

Ademais o salón é cita de referencia tanto para profesionais como para o público en xeral, que poden gozar estas xornadas das diferentes actividades ofertadas, tales como conferencias, presentacións literarias, exposicións de arte, obradoiros didácticos, cursos de cata e degustacións gratuítas, entre outras.

No acto de clausura estiveron presentes o delegado da Xunta e a xefa territorial de Educación na provincia, Rogelio Martínez e Marisol Díaz Mouteira, respectivamente.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar