Máis de 2.300 mozos beneficiáronse das políticas de mobilidade

A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, destacou que máis de 2.300 mozos e mozas puideron beneficiarse dos programas de mobilidade postos en marcha pola Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado ao longo do 2011.

Na inauguración do III Encontro Galego de Mobilidade, que tivo lugar onte na Coruña, Beatriz Mato indicou que destes máis de 2.300 mozos e mozas, un total de 1.300 participaron no programa ‘Xuventude en Acción’, tanto nos 54 proxectos que se desenvolveron en Galicia como nos 13 intercambios no estranxeiro. A conselleira estivo acompañada do director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, e do director xeral do INJUVE, Rubén Urosa Sánchez.

Ademais, o proxecto Leonardo da Vinci, permitiu que preto de 200 mozos galegos desenvolveran prácticas profesionais en países como a República Checa, Italia, Francia, Irlanda e Holanda; 140 mozos e mozas participaron na terceira edición de ‘A Xuventude no mundo’, así como outros 400 en campamentos de verán, que visitaron nove comunidades autónomas.

A estes programas hai que engadir as iniciativas que impulsaron o intercambio entre mozos e mozas galegos e os de máis de 20 países como os campos de traballo ou o proxecto Imaxina Atlántica, centrado nas novas tecnoloxías da imaxe.

Beatriz Mato apuntou que desde a Xunta se están a apoiar os programas de mobilidade pola súa dimensión como experiencias de aprendizaxe non formal e que impulsan á participación da xuventude na sociedade, así como lles permiten completar a súa formación mediante á adquisición de novos coñecementos e experiencias.

A conselleira indicou que, por iso a Xunta está a impulsar políticas “activas e transversais” en favor dos mozos e mozas, como é o caso da primeira lei específica en materia de xuventude da historia de Galicia: a Lei de Xuventude, cuxo proxecto se vén de aprobar esta mesma semana no Consello da Xunta.

Unha norma que recollerá a obriga de deseñar, cada lexislatura, un plan estratéxico para a xuventude, como xa fixo o departamento coa posta en marcha da Estratexia Xuventude 2013 de Galicia, na que se integran as últimas directivas e recomendacións europeas en materia de xuventude, apostando polo fomento da participación e do asociacionismo xuvenil.

A titular de Benestar engadiu que, no marco da aposta polo asociacionismo, en 2010 a Consellería puxo en marcha o programa Iniciativa Xove, pioneiro en España, e que incrementou o seu orzamento nun 57% nos últimos anos, ata os 705.000 euros previstos para 2012.

III Encontro Galego de Mobilidade Xuvenil

O III Encontro Galego de Mobilidade Xuvenil diríxese aos participantes de programas europeos de mobilidade xestionados pola Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, como son o ‘Xuventude en Acción’ e o ‘Leonardo da Vinci (MOGAL)‘, aos do programa ‘A Xuventude no Mundo’, a técnicos de xuventude e de servizos sociais, dinamizadores xuvenís, entidades prestadoras de servizos sociais, líderes de asociacións xuvenís e mozos en xeral interesados na temática da mobilidade.

No Encontro participan tamén 20 participantes dun seminario de Xuventude en Acción de dez países: Noruega, Italia, Polonia, Romanía, Hungría, Francia, Portugal, España, Rusia e Turquía.

Os obxectivos desta xornada son, entre outros, ofrecer un lugar de encontro para o intercambio de experiencias entre mozos e mozas que participaron nos distintos programas europeos de mobilidade existentes; e fomentar o Servizo de voluntariado, tanto local como europeo, como experiencia de aprendizaxe non formal na adquisición de habilidades persoais e profesionais. A xornada pretende ser un marco para promover e fomentar a participación xuvenil na sociedade.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar