A Xunta propón reducción de xornada e retribucións aos funcionarios

A Xunta poderá obrigar o persoal interino e o laboral temporal a facer unha redución de xornada de ata o 33% –coa súa conseguinte rebaixa de salario– e ofrecerá a posibilidade de acollerse, de forma voluntaria, a unha medida similar aos funcionarios e os laborais fixos. Ademais, garantirá o 100% das retribucións en situacións de incapacidade temporal unicamente en casos de accidente laboral, enfermidade profesional ou maternidade.

Así o explicou a conselleira de Facenda, Elena Muñoz, en declaracións aos medios de comunicación tras reunirse cos sindicatos da función pública –CIG, UGT, CC.OO. e CSI-CSIF– para presentarlles unha batería de medidas para aforrar uns 80 millóns anuais neste ámbito.

 «Trasladei as consecuencias da situación económica actual e garantinlles –aos sindicatos– que non se van tocar por parte deste Goberno as retribucións dos empregados públicos», expuxo a conselleira, que comparou esta decisión coa rebaixa dun 5% do salario executada polo anterior Goberno central e con medidas de rebaixas nas retribucións que están a implantar outras comunidades. Muñoz Fonteriz defendeu que se trata de «medidas de eficiencia», que están «axeitadas ao momento de crise». Agora, indicou, os representantes sindicais deben analizalas para facer as súas contrapropostas.

 «Non están pechadas e estamos dispostos a chegar a consensos», afirmou a titular de Facenda, que avanzou que será «unha negociación rápida» porque así o  requíre a conxuntura e deu un prazo de 15 días para pechar as medidas. En calquera caso, a conselleira indicou que non pode dicir que «xa non haberá que facer máis axustes», posto que está á espera de coñecer os datos definitivos de crecemento previsto en 2012 e de saber con exactitude os ingresos que terá a comunidade. «Nestes momentos non podemos pechar ningunha posibilidade. Podemos ser proactivos e tomar medidas para evitar axustes no ámbito social», resolveu. Entre as propostas do Goberno galego están a suspensión do plus de altos cargos, a supresión de tres días de libre disposición –pasan de nove a seis, que é o número recollido no Estatuto do Traballador Público–, ou a suspensión das axudas de acción social, coa excepción da de minusvalidez, que será dun máximo de 180 euros mensuais.

 BAIXAS E XUBILACIÓNS

Ademais, proseguiu a conselleira, «vaise regular o complemento para incapacidade temporal», é dicir, a percepción dos traballadores que estean de baixa. Así, a garantir a percepción do 100% das retribucións nos casos de accidente laboral, enfermidade profesional ou maternidade. No resto dos casos, só se abonará o complemento –a Xunta complementa as prestacións da Seguridade Social– para chegar ao 100% das retribucións a partir do día 21 de incapacidade.

Así mesmo, a Xunta establecerá que a xubilación sexa forzosa con carácter xeral na idade legalmente establecida. O persoal funcionario poderá pedir a prolongación da permanencia en activo, ata que cumpra a idade tope. Estas prolongacións concederanse ano a ano.  Sobre a redución de xornada, Elena Muñoz Fonteriz explicou que «se habilita o Goberno galego» para a redución da xornada do persoal interino e o temporal». Por iso, sostivo que non se formula como unha situación obrigatoria de inicio, pero «será obrigatoria se así o decíde o consello». O Goberno galego determinará se adopta estas medidas en función das necesidades e de «cada organización».

En calquera caso, nen para o persoal interino nen para o laboral nin para o funcionario a redución poderá superar o 30 % da xornada. A conselleira de Facenda defendeu que as medidas pretenden «evitar facer axustes e preservar a prestación de servizos públicos fundamentais». Así, chamou ao consenso e pediu aos sindicatos «comprensión e responsabilidade». As propostas son «reflexionadas, razoables e necesarias para que o Goberno galego poida seguir blindando os servizos básicos», defendeu e afirmou que «non terán repercusión» na prestación do servizo».

SINDICATOS:  «GRAVE ATAQUE CONTRA A FUNCIÓN PÚBLICA»

 Os sindicatos da función pública manifestaron o seu rexeitamento ás medidas formuladas este venres pola Xunta, que consideraron «o ataque máis grave» contra os traballadores públicos na historia da comunidade, e advertiron de que convocarán protestas. Ademais, criticaron por escaso o prazo que se propón para negociar, 15 días.

   As centrais que acudiron á reunión coa conselleira de Facenda avanzaron que tratarán de acordar medidas de protesta conxuntas. A primeira, indicou o responsable de administración autonómica de CSI-CSIF, Juan Carlos Rivas, pode coincidir coa convocatoria da mesa xeral de negociación, que será o próximo mércores, día 8 de febreiro. O prazo para as alegacións dos sindicatos é ata o martes, un tempo escaso que mostra «mala fe negociadora», dixo.

   Para Rivas, a proposta do Goberno galego é «lamentable». «Salvo a suspensión do plus de altos cargos, todo o resto das medidas son o ataque máis grave aos empregados públicos dende que se constituíu a comunidade», reprochou e dixo que «lonxe de supoñer un aforro, son unha cortina de fume para ocultar a incapacidade do Goberno galego para sacar a Galicia da crise», censurou.

   A CIG, pola súa banda, mostrou o seu «rotundo rexeitamento ás medidas», que «implican recortes nas condicións laborais e salariais e supresión de dereitos do persoal» das administracións públicas. «A Xunta pretende eliminar dende o cobramento do 100% de salario en todas as baixas por debaixo dos 21 días, ata reducir de forma obrigatoria un terzo da xornada e, en consecuencia de salario, aos traballadores interinos e contratados,» reprochou.

   Ademais, destacou que o recorte afecta todo o persoal de todas as administracións», entre os que citou os entes dependentes, os consorcios, universidades ou o Parlamento. A CIG reprochou que o Goberno galego pretende que os traballadores «paguen os recortes que a administración vai facer».

   As propostas da Xunta son «moi agresivas e lesivas» para o persoal e supoñen «un regresión nos dereitos adquiridos, algúns de eles consolidados dende os anos 60 ou 70 do século pasado», como o complemento das baixas por incapacidade, que «penalizan os traballadores polo feito de estar enfermos».

   «Se se necesita facer un control das causas das baixas, a administración ten mecanismos», recordou o sindicato nacionalista. Ademais, a organización interpreta que esta medida pretende «unha vez máis»»seguir deteriorando a imaxe do seu persoal e, por ende, dos seus servizos públicos».

   UGT advertiu de que «non hai marxe» para máis recortes salariais» e argumentou que os empregados públicos xa «contribuíron e seguen contribuíndo a esta crise» coa mingua das súas retribucións, diminución de equipos e incremento de cargas de traballo.

   Ademais, advertiu de que as medidas sobre a función pública «deterioran a cobertura de servizos públicos esenciais», algo que é «unha das principais preocupacións» do sindicato.

   «Os empregados públicos xa están a contribuír co seu salario e coa cesión de determinados dereitos no ámbito das relacións laborais a compensar os déficit que xera a crise», sostivo UGT e recordou que, como os traballadores doutros sectores, «non son culpables» da recesión.

   CC.OO., pola súa banda, chamou á «unidade» das organizacións sindicais para protestar e considerou tamén que, con estas propostas, o Goberno galego «bota a culpa aos traballadores públicos».

   Ademais, CC.OO. destacou que no caso da única medida que non suscita rexeitamento –aínda que si críticas porque non se elimina definitivamente–, a suspensión do plus de altos cargos, ten un impacto «insignificante» en relación ao aforro que se pretende conseguir, de 80 millóns, posto «o seu importe global é de 800.000 euros».

   CSI-CSIF negou tamén que as medidas formuladas logren o aforro que se propoñen e acusou á Xunta de facer «demagoxia barata» e de tratar disimular recortes ao anunciar tamén as suspensión do plus de altos cargos.

   Tanto este sindicato como a CIG incidiron en que tanto a eliminación, en parte, do complemento en caso de baixa é «especialmente grave», posto que se aplica a persoas en «situación de debilidade».

   Outra das medidas que todos os sindicatos citan entre as que lles provocaron máis rexeitamento é a da redución de ata un terzo da xornada, que pode ser obrigatoria para o caso de temporais e interinos. Neste caso, expuxo o responsable de CSI-CSIF, afectará a persoas que «xa teñen un traballo precario».

   A CIG apuntou que eliminar tres días de asuntos propios é «unha rebaixa implícita» do salario, posto que son máis días de traballo polo mesmo salario. Así mesmo, considerou «inadmisible» retirar o fondo de acción social.

 

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar