A maxia do audiovisual para os máis pequenos na Cidade da Cultura

Preto dun cento de rapaces de entre 5 e 14 anos convertiranse durante as fins de semana de febreiro en auténticos directores de cine grazas a Un Gaiás Animado, un programa formado por dous obradoiros sobre a técnica do stop-motion e o cine mudo co que a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través da Cidade da Cultura pretende achegar a maxia do audiovisual aos máis pequenos.

A técnica da animación dá esta mañá o disparo de saída deste programa co Obradoiro de Stop-Motion, no que nenos de entre 6 e 14 anos elaborarán a súa propia curta: dende o guión á confección de personaxes e rodaxe. Plastilina, area, pedras, figuras de plástico ou papel celofán serán algúns dos materiais que empreguen para crear os seus protagonistas e escenarios aos que logo que lle darán vida ante unha cámara, manipulando focos, movendo as figuriñas ou partes do decorado ou fotografando as diferentes esceas. O resultado: unha auténtica película de apenas uns minutos construída ao longo dos catro sábados de febreiro.

Mañá chegará, pola súa banda, a primeira sesión do Obradoiro de Cine Mudo, no que rapaces de entre 5 e 12 anos experimentarán durante todos os domingos de mes coa luz, as sombras e a imaxe en movemento, construíndo coñecidos xoguetes ópticos como o taumatropo, zootropo ou o flipbook (libro de cine) ademais das súas propias tiras de cine mudo.

Os dous obradoiros teñen lugar en dúas quendas –unha pola mañá para os máis pequenos e outra pola tarde para os mozos- co obxectivo de adaptar os contidos do programa ás diferentes idades. Con actividades como Un Gaiás Animado, a Cidade da Cultura pretende apoiar a xente nova nos seus procesos de aprendizaxe e no desenvolvemento das súas habilidades, estimulando o seu traballo e a súa creatividade.

 

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar