Nace o proxecto da Lei da Xuventude

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou a aprobación, por parte do Consello da Xunta, do proxecto de Lei de Xuventude de Galicia, que será remitido ao Parlamento. Deste xeito, Galicia contará coa “primeira Lei de Xuventude nos trinta anos de autonomía” que ten como principais obxectivos regular os dereitos dos mozos e mozas, garantir o seu acceso aos órganos de representación e aos servizos públicos e mellorar a coordinación interna da Xunta de Galicia en materia de xuventude.

Os principais beneficiarios deste texto lexislativo, -o primeiro do paquete de 23 proxectos que o Goberno galego remitirá á Cámara no que queda de lexislatura-, son os 530.000 xoves de entre 14 e 30 anos que hai na Comunidade Autónoma. “Sen dúbida, somos conscientes do recurso máis valioso que temos, o medio millón de mozos e mozas galegas e, polo tanto, temos que facer un investimento seguro no mellor recurso que temos na comunidade autónoma”, subliñou Núñez Feijóo, quen lembrou que a Xunta xa está a traballar a prol da xuventude con iniciativas como o plan de rexuvenecemento e o plan estratéxico da Xuventude que contempla 250 medidas específicas, aos que se suma agora a futura Lei de xuventude de Galicia. “Tíñamos unha débeda coa nosa mocidade desde a aprobación do Estatuto de Galicia, en 1981. Houbo varias tentativas de aprobar unha lei, nunca foi posible. Esperemos que este proxecto teña o respaldo do Parlamento”, dixo o presidente.

Entre os aspectos máis destacables, Núñez Feijóo salientou que o texto “reforza a coordinación e a transversalidade de toda a Administración Pública autonómica”, xa que establece a necesidade de elaborar cada lexislatura un Plan estratéxico da xuventude. “Polo tanto, os gobernos teñen que actualizar, elaborar, presentar e aprobar un Plan estratéxico da xuventude cada catro anos”. “En segundo lugar –engadiu o presidente- garante unha acción transversal que ten dez eixos prioritarios para os mozos: a educación; o emprego; a creatividade e o espírito emprendedor; a vivenda; a saúde e o deporte; a participación e asociacionismo; o voluntariado e a información e formación; a mobilidade; o turismo xuvenil; e a normalización lingüística”.

Así mesmo Feijóo destacou a necesidade de establecer “un verdadeiro sistema de representación de todos os mozos e mozas”, para o que se propón a creación do Consello Asesor e Consultivo da Xuventude de Galicia. Segundo explicou, trátase dun órgano “colexiado, independente e aberto a todas as asociacións xuvenís, e grupos informais de mozos e mozas”. “Precisamente -matizou- o novo texto facilita a incorporación de todas as asociacións xuvenís ao Consello xa que elimina o requisito actual polo que unha asociación non podía formar parte do órgano sen contar co visto e prace das asociacións preponderantes”. O Consello Asesor e Consultivo substituirá ao actual Conxuga que, coa nova Lei, deixa de existir. Deste xeito, avánzase na eliminación da administración paralela, xa que o actual Conxuga queda incorporado “á organización ordinaria da administración pública”.

Así mesmo, créanse os consellos locais da xuventude e as as asociacións xuvenís e os consellos locais terán garantido o 51% dos votos no Consello. Con estas medidas, por unha banda foméntanse a participación xuvenil e, doutra banda, o proxecto dota de máis competencias ao Consello “ao asumir , por exemplo, entre outras, as funcións do Observatorio galego da xuventude que antes lle era alleo desde o punto de vista competencial”, explicou o presidente. A futura Lei tamén contempla a creación do Instituto Galego de Xuventude como órgano técnico especializado.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar