Ferrolterra: alarma nun sector naval que se bota á rua

Preto de 4.000 traballadores de Navantia Fene-Ferrol e de empresas auxiliares manifestáronse polas rúas da cidade ata a praza de Armas, fronte ao concello, para reclamar solucións ante «a peor crise do naval en 50 anos» e ante a perspectiva de que este mesmo verán os talleres de empresa pública queden por primeira vez na súa historia sen ningún tipo de ocupación.

A protesta iniciouse ás 11.30 horas no estaleiro de Navantia Ferrol e os operarios dirixíronse á praza de Armas. Máis de medio millar foron entrando pola porta principal ata encher o acceso e as escaleiras principais do concello, en coincidencia coa reunión que a esas horas mantiña o alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela (PP) cos representantes dos Comités de Empresa.

Os traballadores, con cánticos de «Ese dique onde está» e «queremos traballar e non emigrar», foi internándose máis alá da zona de entrada. O lugar no que se realizaba a reunión estaba protexido por catro policías locais, aos que os traballadores comezaron a empurrar para poder acceder. Como resposta, os axentes utilizaron gas pementa para dispersalos.

«Eses de azul, gaseáronnos» e «traeremos dinamita, na próxima visita», foi a resposta dos traballadores, que ao termo da reunión abandonaron o edificio consistorial. Como proba do sucedido quedaron cristais e marcos de portas rotos e algúns cinceiros e letreiros polos chans.

CALENDARIO DE MOBILIZACIÓNS

A protesta realizada este martes inicia o calendario de mobilizacións pactado polos traballadores para este ano 2012, co que reclaman solucións á situación do sector, que afronta os seus últimos encargos sen garantías de futuro e vai perdendo nos concursos internacionais aos que se presenta. Os sindicatos alertan que perigan 6.000 empregos directos e indirectos.

As principais reclamacións dos traballadores céntranse na construción do dique flotante, que tería un custo de 141 millóns de euros, pero garantiría ocupación en reparación de buques de grande calado a un mínimo de mil operarios. A segunda petición céntrase en que o Goberno realice o encargo da sexta fragata para a Armada española que comprometera o PSOE.

Navantia e o sector naval en Ferrol afrontan a «peor crise da súa historia», segundo asegurou Fernando Sinde, o presidente do Comité de Empresa. Na actualidade ten en construción tres buques. Un de eles, o primeiro dos anfibios contratados por Australia, sairá dos estaleiros ferrolanos en verán. Na mesma época, será entregada a fragata española F-105 e finalizarase a construción do segundo LHD, co que non quedará ningún buque «na bancada».

«É inminente que todo o mundo no ámbito político poña toda a carne no asador para conseguir o dique flotante», asegurou Sinde, única alternativa ante a falta de novos contratos.

Ao alcalde de Ferrol, a José Manuel Rey Varela, reclamáronlle que informe sobre cando se celebrará unha reunión entre o conselleiro de Industria e o presidente da SEPI. «O si que dicían hai seis meses o Concello e a Consellería de Industria queremos que o diga agora o Goberno central», apostilou Sinde.

A próxima acción de protesta iniciarase o 7 de febreiro. Os delegados sindicais realizarán unha marcha a pé de dous días cara á Coruña, que concluirá o día 9, día para o que está prevista unha concentración de traballadores ante a Delegación do Goberno.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar