Guillerme Vázquez foi reelexido voceiro nunha segunda volta

O actual voceiro nacional do BNG, Guillerme Vázquez, foi reelexido para ocupar este posto co 53,53 por cento dos votos dos militantes na XIII Asemblea Nacional, fronte a Xosé Manuel Beiras, que lideraba a candidatura conxunta de Máis Galiza e Encontro Irmandiño, e que obtivo o 45,68 por cento.

Segundo os datos oficiais que se deron coñecer na asemblea, Guillerme Vázquez, á fronte da candidatura da Alternativa pola Unidade (ApU), sacou 2.191 votos; fronte aos 1.870 conseguidos por Xosé Manuel Beiras.

En total, producíronse 4.134 votos, dos cales 4.093 foron válidos e, de eles, 32 votos en branco, o que representa o 0,78 por cento o total. Ademais, houbo 41 sufraxios.

O recén elixido voceiro nacional contou co respaldo dos simpatizantes de Movemento Galego ao Socialismo, corrente escindida pola esquerda da UPG, que chamara os seus militantes a apoialo na segunda volta de votacións, tras conseguir o 5,5 por cento de sufraxios na primeira rolda.

Ademais, nesa primeira volta, a lista de Guillerme Vázquez obtivo 2.164 votos, máis do 48,7 por cento dos votos; mentres que a de Xosé Manuel Beiras conseguiu 2.026 sufraxios, o 45,63 por cento.

ACABAR COA DISCREPANCIA

Guillerme Vázquez (Pontevedra, 1952), é licenciado en Medicina e foi profesor de Secundaria no instituto Frai Martín Sarmiento de Pontevedra. Na súa carreira política, en 1993 foi elixido pola circunscrición de Pontevedra, o cal simultaneou coa súa condición de concelleiro a partir de 1995.

En 1996 renovou escano no Congreso e volveu ser concelleiro dende 2003 en Pontevedra, ata que en 2009 deixou o concello para ocuparse plenamente do seu cargo como voceiro nacional do BNG, cargo no que saíu elixido na asemblea extraordinaria dese ano.

Así, Guillerme Vázquez asume as rendas da formación nacionalista coa misión de pechar as feridas abertas e evitar que a discrepancia no seo do BNG se traslade á sociedade, un chamamento que repetiron os membros da candidatura de Alternativa pola Unidade nas diversas intervencións que tiveron.

El mesmo chegou a recoñecer en privado que, neste novo período, as cousas «non «ían seguir» como ata agora, despois de case tres anos nos que o seu posto se cualificou de «interino» e no que houbo críticas constantes á dirección.

Farao co aval dun documento político no que se establece que os partidos e correntes integradas no BNG informen «anualmente» da súa actividade orgánica ao consello Nacional, que tamén velará para evitar «comportamentos desleais ou contrarios» á unidade da formación frentista.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar