Chega a feira gastronómica por excelencia, «Xantar»

 

Acto de presentación da decimoterceira edición da feira gastronómica de Galicia por excelencia: o "Xantar" de Ourense

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, foi o encargado de presentar a decimoterceira edición de «Xantar», o salón da gastronomía que dinamizará o turismo gastronómico en España e Portugal, desde o un de febreiro ata o 5. Serán protagonistas as Illas Azores, o Camiño Mozárabe, o Entroido e as Festas Gastronómicas de Interese Turístico. O programa desta edición inclúe máis de 150 actividades entre as que destaca o Encontro de Confrarías Gastronómicas que pasa a ser internacional e será o máis numeroso ata o momento con cofrades de España, Portugal e Francia.

En palabras do Delegado Territorial “trátase dun salón que naceu para defender a calidade da gastronomía galega, hoxe ben coñecida fóra das nosas fronteiras e convertida nun atractivo turístico de primeiro nivel. Xantar, ó longo dos seus trece anos de traxectoria, contribuíu, sen dúbida, ó posicionamento de Galicia como destino gastronómico de calidade”, asegurou.

“Galicia é a terra coa maior variedade de produtos do mar do mundo. Somos o primeiro produtor e consumidor español de peixe. Temos viños de cinco Denominacións de Orixe Protexidas e entre os nosos produtos contamos con centos de Indicacións Xeográficas Protexidas. Temos máis de trescentas festas gastronómicas que impulsan o sector turístico e contribúen á promoción dos produtos galegos con indicación de calidade. Dez restaurantes galegos contan con Estrela Michelín e os nosos cociñeiros suman 22 Soles Repsol. E Xantar é o espazo onde coinciden no mesmo espazo e tempo todas as excelencias gastronómicas galegas”, dixo Martínez.

A Xunta de Galicia apoia esta cita dende distintos departamentos, xa que se trata dun salón multidisciplinar que, ademais da compoñente turística, defende a calidade dos nosos profesionais hostaleiros contribuíndo á formación dos mesmos, promociona os beneficios para a saúde da Dieta Atlántica e mostra as posibilidades culinarias e nutricionais dos nosos produtos agrarios e do mar.

Xantar convértese nun escaparate perfecto para que poidamos presentar Galicia como un lugar orgulloso da súa tradición gastronómica e desexoso de dar a coñecer os seus tesouros e segredos en forma de sabores.

PROMOCIÓN

Çen concreto,a Consellería do Medio Rural e do Mar promocionará os produtos pesqueiros e do agro de Galicia nesta edición do ‘Xantar’. Rosa Quintana achegarase ata este certame para apoiar en persoa a promoción das delicatessen que fan da nosa Comunidade un referente no sector gastronómico.

A Consellería do Medio Rural e do Mar estará presente neste evento cun stand institucional de 150 metros cadrados, onde se levarán a cabo diferentes actividades de promoción. Entre elas cabe destacar diversos obradoiros con produtos do Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia, así como pratos elaborados con Grelos de Galicia (produto destacado nesta edición) e da marca PescadeRías.

O sector lácteo e os mellores caldos galegos tamén estarán presentes a través da realización de catas comentadas ao público asistente, que poderá gozar ademais dos Meles de Galicia e dos Licores e Augardentes de Galicia. Entre os produtos do mar destacan o polbo e os berberechos entre os principais menús que se presentarán ao público.

Salón de gastronomía e turismo

A XIII edición de Xantar contará cun total de 113 expositores repartidos nunha superficie de 12.000 metros cadrados. O principal obxectivo deste certame é defender a cultura da calidade na gastronomía e potenciala como reclamo turístico.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar