O 65,3% dos fogares galegos xa teñen ordenador

A Fundación Telefónica vén de presentar o seu 12º informe anual sobre «La Sociedad de la Información en España 2011». Este informe é un dos estudos de referencia no sector das Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC). A Xunta de Galicia colabora, un ano máis, a través do Observatorio da Sociedade da Información e da Modernización de Galicia (OSIMGA), realizando un diagnóstico da realidade dixital de Galicia que examina os seus indicadores e proxectos máis relevantes

As TIC nos fogares e nas empresas

Os fogares galegos experimentaron un novo aumento no que se refire a equipamento e uso das TIC. O informe indica que o ordenador está presente no 65,3% dos fogares galegos, a banda larga no 51,6%, cun crecemento do 11% no período 2009 -2011. A conexión a Internet está presente no 53,3% dos fogares galegos, superando por vez primeira a metade das vivendas de Galicia. A conexión á Rede en Galicia experimentou un incremento do 9% con respecto a 2010.

Por primeira vez, máis da metade dos fogares de Galicia están conectados á Rede mediante banda larga. Concretamente, o 51,6% dos fogares galegos conéctase a Internet mediante banda larga (un 11% máis ca no ano 2010)

O informe salienta, especialmente, o alto nivel de uso das tecnoloxías na mocidade, permitindo alcanzar a converxencia da sociedade galega co seu contorno nese segmento da poboación.

No ámbito empresarial, consolidouse o uso das TIC nas empresas galegas, observándose un nivel óptimo de implantación e uso das TIC nas empresas galegas de 10 e máis empregados/as aínda que as microempresas seguen a ter unha materia pendente coa implantación das tecnoloxías. Apenas o 63,8% das microempresas galegas están conectadas a Internet.

eAdministración

Galicia presenta neste informe resultados moi positivos no uso da administración electrónica por parte da cidadanía, situando a Galicia como a terceira Comunidade no uso da Administración electrónica para obter información das páxinas web e a quinta en descarga e cumprimentación de formularios oficiais.

Entre os avances de Galicia no impulso da eAdministración, o informe salienta que a publicación do decreto 198/2010 fixou as bases para o desenvolvemento da Administración electrónica galega. Entre os servizos dispoñibles en liña, destacan os avances na implantación da factura electrónica.

O informe resalta tamén a apertura en setembro desta ano da sede electrónica da Xunta de Galicia, un instrumento que converte en realidade a posibilidade da cidadanía de relacionarse coa Administración Galega coas garantías e dereitos esixidos pola Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos.

Sector TIC

Galicia é a sétima Comunidade Autónoma con maior número de empresas do sector TIC (1.767 empresas en 2010). Este indicador experimentou un crecemento do 14,6% no período 2009-2010. O nivel de emprego neste sector situouse en 15.851 traballadores/as e o seu volume de negocio superou os 2.200 millóns de euros no ano 2010. Un dos fitos do ano pasado foi a posta en marcha do Centro Demostrador TIC, punto de encontro entre o sector TIC e o resto de sectores empresariais.

Todas as análises, informes e documentos do OSIMGA distribúense libremente na Rede baixo licenza Creative commons e están dispoñibles na web do Observatorio: www.osimga.org

As liñas da Axenda Dixital 2014.gal

Co fin de mellorar o valor destes indicadores puxéronse en marcha varias liñas de actuación no marco da Axenda Dixital de Galicia 2014.gal, que tamén se destacan no informe O primeiro esforzo neste ámbito centrouse en facilitar o acceso a Internet a todos os galegos mediante o Plan de Banda Larga posibilitando, en pouco máis de año e medio, a conexión á Rede de 400.000 galegos de galegos que carecían de cobertura.

Por outra banda, a Rede de Centros para a Modernización e Inclusión Tecnolóxica comezou a impulsar o uso da TIC co fin de fomentar a eInclusión, o benestar, a competitividade empresarial, e o impulso á eAdministración. A Rede conta a día de hoxe con 98 aulas de formación repartidas en 92 concellos e impartirá este ano 3.000 cursos a uns 15.000 usuarios.

O Proxecto Abalar permitiu, no curso 2010/2011, dotar de equipamento 682 aulas de 300 centros educativos de 5º de Primaria e 1º de Educación Secundaria e posibilitou que 14.500 alumnos galegos dispuxesen dun portátil para a súa formación. No presente curso esta cifra achégase aos 33.000 alumnos.

No ámbito sanitario produciuse a consolidación da receita electrónica que pasou de utilizarse en 176 centros de atención primaria a principios de 2010 a 455 en setembro de 2011, o 99% del total. A historia clínica electrónica chegou ao 100% do personal médico e os servicios de telemediciña medraron un 85% nos dous últimos anos pasando de 115 a 213.

O Plan Senda 2014 posibilitou a implantación do sistema Lexnet para a presentación telemática de escritos, demandas e notificacións no eido da Xustiza. En maio de 2011, o sistema xa estaba operativo en 104 órganos xudiciais.

Informe «La Sociedade da Información en España 2011» da Fundación Telefónica

O informe da Fundación Telefónica valora que durante o ano 2011 as conexións a Internet en España seguiron medrando, fundamentalmente, pola banda larga móbil, ao mesmo tempo que o teléfono móbil intelixente (smartphone) converteuse no terminal máis vendido do mundo por diante do PC. O ano 2011 veu marcado tamén polo paso cara ao uso dunha Internet máis produtiva no persoal e no profesional, alén do lecer; o dinamismo dos segmentos de poboación máis maduros; a redefinición da forma na que se están a consumir os contidos dixitais e, en xeral, na que se usa Internet.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar