A Xunta impulsa 23 novas leis na lexislatura máis prolífica

O Goberno da Xunta impulsará un total de 23 novas leis que remitirá ao Parlamento no que resta de lexislatura, o 50% das cales serán de contido económico, segundo anunciou esta mañá o presidente galego, Alberto Núñez Feijóo. No balance exposto polo presidente da Xunta trala reunión do Consello, estes novos 23 textos que se remitirán á Cámara autonómica, unidas ás 41 leis xa aprobadas no que vai de lexislatura, sumarán un total de 64 novas leis, o que representa “un incremento do 20% de actividade lexislativa da anterior lexislatura, que temos que recoñecer que na anterior lexislatura foi a lexislatura con máis leis aprobadas en comparación con lexislaturas anteriores”. “Esta será, espero, a lexislatura con más leis , pero sobre todo con leis que afectan aos sectores económicos e aos sectores sociais de Galicia”, recalcou Núñez Feijóo.

Respecto aos textos de nova remisión, no eido económico, o presidente citou como “máis importantes, a Lei de montes, a Lei de vivenda, a Lei de innovación, a Lei de fomento do emprendemento, a Lei da industria marítima ou a Lei de acuicultura”. No ámbito social, Feijóo salientou como relevantes a Lei de inclusión social, a Lei de universidades, a Lei de discapacidade, a Lei de apoio ao retorno, a Lei de garantías de prestacións sanitarias, a Lei de publicidade institucional, a Lei de creación da Axencia de sangue e tecidos e a Lei de espectáculos públicos. “E desde o punto de vista do ámbito institucional, plantexaremos una nova lei de función publica e unha nova lei da Xunta e da súa Presidencia”, engadiu.

Leis aprobadas no que vai de lexislatura
No que atinxe ás 41 leis aprobadas no que vai de lexislatura, o presidente da Xunta destacou que representan “un 17% máis que no mesmo período da lexislatura anterior”. “ Isto é importante, pero tamén é importante saber que de cada dez leis que aprobamos, sete teñen contido económico”. É dicir, “70% de contido económico e 30% de contido social”, subliñou.

Como exemplo de textos contra a crise da débeda española, Núñez Feijóo mencionou “a Lei de disciplina orzamentaria e a Lei de teito de gasto, esta última que é a primeira que se aproba en España”. Para atallar os efectos da crise do consumo lembrou a aprobación da Lei relativa aos incentivos fiscais á vivenda para mozos e familias numerosas; e para minorar os efectos da crise dos sectores produtivos “respostamos coa Lei de pesca, coa Lei do comercio, coa Lei do turismo, coa Lei do naval e coa Lei eólica”. Así mesmo, referiuse a nova Lei de caixas para atallar os efectos da crise financeira e, no ámbito social, lembrou a aprobación da Lei de racionalización do gasto farmacéutico á proposta do Parlamento, a Lei de medios públicos de comunicación audiovisual, a Lei de convivencia e participación educativa, a Lei de apoio á familia, a Lei de acción voluntaria e a Lei do deporte.

Segundo explicou o presidente da Xunta, “estamos priorizando as leis que entendemos que teñen que cumprir dous obxectivos, que sexan útiles e que respondan ao cumprimento do programa electoral sancionado nas urnas o 1 de marzo do ano 2009”. Deste xeito, “case o 60% das leis promovidas ata o día de hoxe dan cumprimento ao compromiso electoral contido no programa co que nos presentamos ás eleccións”, concluíu Núñez Feijóo.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar