Buscando solucions ás inundacións de Valdoviño

Comezan as obras da canle que servirá para regular axeitadamente o nivel da Lagoa da Frouxeira, en Valdoviño, que recentemente provocou inundacións en casas e ruas, ata o punto de mergullar estas últimas. Os traballos, realizados pola Xunta, supoñen unha actuación moi precisa ao tratarse dun espazo protexido. Trátase dun dispositivo de carácter provisional que permitirá o desaugue parcial sen afectar aos valores naturais do humidal.
Os traballos comezaron esta mañá trazando sobre o terreo a canle do desaugue. Posteriormente, a través do emprego de diversa maquinaria, reforzouse a zona onde a barreira que separa a lagoa do mar é máis sensible co obxectivo de evitar desbordamentos non controlados por ese punto. Ademais, colocáronse sacos de area que servirán para reforzar o canal que se está a construír e procedeuse á monitorización da altura da auga, a barreira de area e a praia.
Os traballos de construción da canle provisional continuarán ao longo desta semana. Está previsto que o vindeiro luns comece a realizarse o desaugue. O caudal estimado de saída da auga será de 6,47 metros cúbicos por segundo ata que a lagoa quede a unha cota de 4,77 metros, aproximadamente 0.60m por debaixo da cota actual. No momento de acadar o nivel desexado deterase o baleirado da lagoa.
Tal e como informou onte o director xeral de Conservación da Natureza, o dispositivo de regulación artificial lévase a cabo no extremo leste da lagoa mediante a apertura dunha canle de pouca pendente que permitirá desaugar lentamente e cos menores danos para a barra de area. A canle estará protexida na marxes por sacos de area que reforcen os laterais, e disporá dunha pendente do 0.5%.
Este dispositivo provisional permanecerá o tempo necesario para que se poidan levar a cabo as infraestruturas permanentes que aporten unha solución definitiva ás inundacións garantindo, ao mesmo tempo, o funcionamento natural da lagoa. Entre as infraestruturas permanentes que se plantexan atópase a posible construción dun murete de contención ao longo do paseo marítimo e a mellora das canalizacións. Unha vez rematadas estas obras retirarase a canle provisional, deixando de novo que o nivel da lagoa se controle dun xeito natural.
Ademais destas actuacións, a Dirección Xeral de Conservación da Natureza procederá a redactar un Plan de Xestión do Humidal da Frouxeira, que regulará todos as medidas que minimicen os problemas actuais e permitan mellorar e potenciar o funcionamento da lagoa no seu réxime natural. O director xeral sinalou que este plan estará redactado no primeiro semestre de 2012.
A actuación acométese agora porque se dan as condicións climatolóxicas necesarias, cun período de mareas mortas e mar tranquila que as previsións anuncian para os vindeiros días, e porque foi necesario contar cun tempo mínimo que permitira reflexionar sobre cómo solucionar o problema coas imprescindibles garantías técnicas. Ademais, agardábase unha apertura natural da barreira de area que facía innecesarias outro tipo de medidas, pero finalmente o rebase non se produciu.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar