Gaiás animado: Obradoiros audiovisuais para rapaces

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través da Cidade da Cultura, pon en marcha durante as catro fins de semana de febreiro Un Gaiás Animado, un programa co que achegar o mundo audiovisual aos rapaces de entre 5 e 14 anos. A actividade está formada por dous obradoiros independentes: un sobre a técnica do stop-motion e outro sobre cine mudo no que os participantes poderán traducir a súa creatividade en pequenas imaxes en movemento.

O Obradoiro de Stop-motion tratará de que nenos de entre 6 e 14 anos elaboren a súa propia curtametraxe de animación, participando en todas as súas fases: guión, confección de personaxes e rodaxe. Plastilina, area, pedras, figuras de plástico ou papel celofán serán algúns dos materiais que empreguen para crear os seus protagonistas e escenarios aos que logo que lle darán vida ante unha cámara, manipulando focos, movendo as figuriñas ou partes do decorado ou fotografando as diferentes esceas. O resultado: unha auténtica película de apenas uns minutos.

Obradoiros

Este primeiro obradoiro desenvolverase na Biblioteca de Galicia ao longo de catro sesións que terán lugar todos os sábados do mes de febreiro (4,11,18 e 25) en dúas quendas: ás 11.30 horas para os rapaces de 6 a 10 anos e outra ás 17.30 horas para os de 11 a 14 anos. Dispóñense de 25 prazas para cada unha das sesións a un prezo de 3 euros máis gastos de xestión.

O Obradoiro de Cine Mudo, pola súa banda, está dirixido a nenos de entre 9 e 12 anos que, a través da construción de coñecidos xoguetes ópticos como o taumatropo, zootropo ou o flipbook (libro de cine), descubrirán dunha forma amena e divertida as orixes da imaxe en movemento. Unha introdución ao propio cine que lles permitirá experimentar coa luz e as sombras e elaborar historias e personaxes protagonistas das súas propias tiras de cine mudo.

A Biblioteca de Galicia será tamén o escenario que acolla este obradoiro que se desenvolverá ao longo de catro sesións dunha hora e media de duración todos os domingos de febreiro (5,12,19 e 26). A actividade tamén terá lugar en dúas quendas para adaptar os contidos ás diferentes idades: ás 11:30 para nenos de 5 a 8 anos e ás 17:00 para os de entre 9 e 12 anos. Cóntase con 20 prazas para cada unha das sesións a un prezo de 3 euros máis gastos de xestión.

A venda de entradas para participar nos dous obradoiros de «Un Gaiás Animado» poden adquirirse a partir de mañá luns en

www.servinova.com ou a través de www.cidadedacultura.org a un prezo de 3 euros máis gastos de xestión. A adquisición dunha entrada só dá dereito a asistir á actividade para que foi mercada. No caso de querer asistir aos dous obradoiros, é preciso mercar cadansúa entrada.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar