«O poliño feo» inaugura mañá Pequeclassics na Cidade da Cultura

O poliño feo, un espectáculo de luz negra protagonizado por monicreques e con música en directo, é a obra coa que mañá domingo arranca a segunda edición de Pequeclassics. Con este ciclo a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través da Cidade da Cultura, trata de achegar a música clásica e a ópera aos máis miúdos a través do xogo e a diversión.

Tras a extraordinaria acollida por parte do público de Pequeclassics en 2011, a Cidade da Cultura decidiu seguir apostando por un evento que logrou vender a totalidade das súas entradas nas primeiras 24 horas das catro sesións realizadas, ademais de lograr unha moi alta valoración media: 9 sobre 10. E faino dando resposta a unha das principais demandas dos usuarios: aumentar o número de pases de cada sesión para permitir que máis nenos poidan beneficiarse desta actividade. Deste xeito, todas as obras terán un primeiro pase ás 12:00 e outro ás 17:00 horas.

A primeira cita deste 2012 será mañá a cargo da compañía Viravolta coa obra O poliño feo, dirixida a menos de máis de tres anos e para a que xa non hai entradas en ningunha das dúas quendas.

A programación

O ciclo continuará o domingo 12 de febreiro con Ensalada de instrumentos, un percorrido pola historia da música e as diferentes familias de instrumentos da man de Os Tres Tenedores, un grupo de musicólogos e docentes con ampla experiencia, que introducirán aos nenos na arte de tocar e diferenciar os sons. As entradas para o evento poranse á venda este luns 23 de xaneiro en www.servinova.com a un prezo de 3 euros máis gastos de xestión.

Esta segunda edición de Pequeclassics prolongarase ata xuño, cunha obra por mes. Deste xeito, o domingo 4 de marzo terá lugar o concerto O son dos metais, o 8 de abril será a quenda da obra teatral Paxaro de lume, o 13 de maio o concerto didáctico Corda e Recorda e o 10 de xuño Érase unha vez a ópera.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar