Guillerme Vázquez descarta o consenso entres as duas candidaturas do BNG

 

 O voceiro nacional do BNG, Guillerme Vázquez, opinou este sábado que «non parece» posible que poida producirse un consenso entre as dúas candidaturas que concorrerán á XIII Asemblea Nacional da formación, se ben puntualizou que «as posibilidades de acordo sempre están abertas».

   «Non parece que se estea na mellor situación para facer acordos», remarcou, preguntado ao respecto na rolda de prensa posterior ao último Consello Nacional do Bloque previo á asemblea, onde tamén sinalou que «iso sempre está aberto». «Nin confirmo nin descarto», resolveu.

   Dito isto, xulgou que un posible pacto «dependerá da vontade que poida haber», pero fixo fincapé en que a existencia de dúas candidaturas «é normal e democrática». «Eu o vivo así», asegurou, recalcando que «non é a primeira vez» que isto acontece e que tampouco se trata «dunha cuestión específica» da súa formación.

   «Non ten nada de grave nin de especial e se van acompañadas, como neste caso, de propostas de tese e de modelos organizativos, que a xente tome a decisión que considere oportuno», subliñou Vázquez, para facer «un chascarrillo» sobre que «se hai moitas candidaturas, parece un problema e se hai unha, é (un congreso) á búlgara».

   Sobre a posibilidade de que concorran máis candidaturas, indicou que o prazo se pecha o próximo luns e que non pode «saber se vai haber máis ou menos» listas. «Dentro do BNG pódense conformar moitas candidaturas, é doado facelo», dixo.

DEBATE «CORDIAL E TRANQUILO»

   De seguido, cuestionado acerca do ambiente en que se desenvolveu este consello Nacional, indicou que foi «absolutamente cordial e tranquilo». Iso, ao seu xuízo, porque «cada un que quixo puxo sobre a mesa as súas propostas de tese e de proxecto político e organizativo» e agora se debe abordar «un debate con claridade e honestidade».

   «Eu farei todo o esforzo que poida para que o debate siga cordial, tranquilo e democrático, aceptando todos a decisión dos afiliados. Eu, nese espírito móvome e penso seguir movéndome», garantiu o líder nacionalista, quen sinalou que, a partir deste domingo, exercerá «como candidato que opta á reelección».

   E nese contexto, que será, segundo o seu entender «o marco oportuno para poder opinar» aseverou que o fará «pouco» sobre as persoas e «en positivo» sobre os proxectos.

«POSICIÓNS DIFERENTES»

   En canto á modificación do regulamento para o debate dos textos e as emendas, Vázquez explicou que as asembleas duran dous días para que se aborde «primeiro en comisión e, despois, no plenario».

   «Houbo un erro de curta e pega, porque a asemblea anterior foi extraordinaria, pero iso se corrixiu e está aprobado que sexa así», explicou, para apuntar que «non é nada de especial transcendencia e que non acontecese sempre nas asembleas nacionais».

   E sobre as discrepancias pola celebración de comisións, admitiu que «claro que hai posicións diferentes». «Evidentemente, non todos estamos de acordo en todo, pero a maioría considera que se debe facer así», resolveu.

   A liña seguido, detallou que o ditame sobre o regulamento saíu adiante con 49 votos favorables e 36 en contra; o ditame sobre as teses, contou con 47 votos a favor, 36 en contra e dúas abstencións; a designación de secretarios, moderadores e relatores logrou a unanimidade do Consello Nacional; e o informe de xestión obtivo 50 apoios e 39 rexeitamentos.

MOITA PARTICIPACIÓN

   Finalmente, indicou que «moita xente se inscribiu» para participar na asemblea, medida que xustificou na dificultade de organizar «un evento destas características, con miles de persoas». «Se que hai a decisión de participar dunha parte moi importante do BNG», apostilou.

   Nesta asemblea, que se celebrará a última fin de semana de xaneiro no Mercado de Amio, en Santiago, o BNG decidirá, en palabras de Guillerme Vázquez, «dun xeito libre, democrática e soberana» o proxecto político que quere ofrecer á sociedade, así como o modelo organizativo e as persoas que dirixirán a formación.

   O obxectivo de todo iso, tal e como puxo de manifesto, é «tratar de conseguir un BNG máis útil para a sociedade galega nos problemas actuais que está a atravesar».

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar