Galicia-061 obtén o selo da excelencia Europea 300+ pola súa xestión

A Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061, dependente da Consellería de Sanidade, obtivo o Selo de Excelencia 300+ da Fundación Europea para a Xestión da Calidade (EFQM), o que supón un recoñecemento da posta en marcha de diversos procesos que repercuten tanto na xestión dos recursos como na calidade asistencial prestada a toda a poboación galega.

As actividades levadas a cabo para a consolidación deste Plan de Excelencia Organizativa inclúe un proceso de autoavaliación segundo o Modelo EFQM, deseño do Plan de Mellora, elaboración da Memoria EFQM 300+ e a Visita de Validación, na que un equipo avaliador (AENOR) verifica a implantación e execución da Memoria.

Tal e como establece o esquema de recoñecemento do Club Excelencia na Xestión, o 061 de Galicia obtou ao Selo de Excelencia 300+ por ter superado os 300 puntos tanto na autoavaliación como na avaliación da Memoria EFQM 300+.

Mediante este proceso de recoñecemento, a Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061 identifica o seu nivel de xestión e entra nunha dinámica de mellora continua a través das accións de mellora. Xa no ano 2009 o 061 galego foi recoñecido co Selo de «Compromiso coa Excelencia» por obter máis de 200 puntos no proceso de autoavaliación levado a cabo.

A implantación do modelo EFQM en Urxencias Sanitarias 061 ten suposto un importante esforzo na posta en marcha de diferentes medidas de xestión e coordinación destinadas a promover unha cultura de excelencia, así como a ofrecer unha concepción integral de todo o servizo no compromiso coa análise, avaliación e desenvolvemento dun plan de mellora continua.

Cara ao futuro, o obxectivo da Fundación é consolidar o nivel de excelencia acadado, así como tentar conseguir o paso seguinte na excelencia, aínda que de xeito inmediato vanse implantar novas medidas, procesos e valoraranse os indicadores de xestión para reforzar o obxectivo principal de todo o proceso, que non é outro que mellorar a asistencia e a accesibilidade dos usuarios ao noso servizo.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar