Primeiro encontro oficial entre o presidente e o delegado do Goberno

Encontro en Raxoi entre Feijóo e o ata hai pouco conselleiro de Agricultura e agora delegado do Gobierno, Samuel Juárez

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, transmitiu hoxe ao delegado do Goberno en Galicia, Samuel Juárez, a “lealdade e a responsabilidade” da nosa comunidade co Executivo central, e avogou por manter unha relación de cooperación entre ambas as dúas administracións que faga a Galicia partícipe “dos asuntos colectivos de España”. “Esa responsabilidade e esa lealdade que tivemos co Goberno anterior serán as pautas de conduta que manteremos co Goberno actual”, resaltou.

O mandatario galego recibiu esta mañá en audiencia a Samuel Juárez, a quen considerou como “un gran coñecedor” dos problemas de Galicia e co que tivo a oportunidade de analizar a situación dos sectores estratéxicos de Galicia. Entre eles, “pola súa urxencia e importancia”, o sector naval.

Segundo expuxo Feijóo, “14.000 empregos están en risco tanto na ría de Pontevedra como na de Vigo ou Ferrol” como consecuencia, dixo, “da inacción do Goberno anterior”, en relación coa denuncia que hai na UE sobre o sistema de ‘tax lease’ para a amortización anticipada dos barcos que se constrúen en Galicia.

No que se refire aos estaleiros privados, Feijóo trasladou a Juárez a “imperiosa necesidade de propoñer á UE un sistema de amortización anticipada que sexa legal para poder seguir contratando barcos nos estaleiros da ría de Vigo e na de Ferrol”. Un asunto que considerou “de máxima urxencia”.

Ao respecto, avanzou que o Goberno de España xa tivo contactos co conselleiro de Economía e Industria, e que el mesmo volveu falar onte co ministro de Industria, Economía e Turismo. “Estamos na senda de facer unha proposta definitiva, entre o Ministerio de Industria e o de Facenda, á UE para desbloquear o parón que neste momento están sufrindo os estaleiros en Galicia como consecuencia da falta de rigor e de dilixencia que tivemos nos últimos meses co Ministerio de Industria anterior”.

No que se refire aos estaleiros públicos, destacou o “grave problema” de Navantia, que “hai seis anos que non ten un só pedido e iso pono ao borde da quebra”. Ante esta “urxencia”, Feijóo resaltou a necesidade de manter unha xuntanza na menor brevidade posible para saber cal é a proposta que ten a SEPI e o ministerio en relación co futuro de Navantia, “a empresa máis importante de Ferrolterra”, puntualizou.

Galicia ten que ser escoitada en Bruxelas
No tocante aos sector primario, destacou a importancia de chegar “canto antes” a un acordo sobre os contratos homologados”, e de reforzar a interprofesional láctea para saír da “complexa” situación que está a atravesar o agro, especialmente o sector lácteo.
Ante o proceso de reforma da Política Agraria Común e da Política Pesqueira Común asegurou que Galicia “ten que ser escoitada” no ámbito da UE.

Feijóo relatou que na xuntanza tamén abordaron as infraestruturas pendentes en Galicia. Entre elas, o AVE de conexión coa Meseta ou o do Eixo Atlántico. Ademais, analizaron a situación de autovías como a do Cantábrico, a que enlazará Pontevedra e Vigo ou as interiores entre Santiago-Lugo e Lugo-Ourense; e as conexións ferroviarias dos portos exteriores da Coruña e Ferrol.

Outro dos asuntos que ambos os dous mandatario avaliaron foi o financiamento autonómico. Feijóo trasladou a Juárez, en nome do Goberno galego, o seu agradecemento ao Executivo central por atender a petición formulada pola Xunta para o aplazamento a dez anos da débeda das comunidades autónomas.

Finalmente, no relativo aos fondos europeos, transmitiulle ao delegado a “imperiosa necesidade” de que España, como membro da UE, plantexe un período de aterraxe suave de fondos europeos para Galicia. E, sobre os lumes forestais, coincidiron na importancia de manter unha relación fluída e coordinada coas forzas e corpos de seguridade do Estado para deter aos incendiarios.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar