menugallego.es: menú elaborado a domicilio

menugallego.es, primeira empresa de venda de comida galega elaborada a domicilio, presentouse na sede da Delegación da Xunta de Galicia en Madrid/Casa de Galicia. O acto contou coas intervencións de José Ramón Ónega, delegado da Xunta en Madrid; María Luisa Cid, concelleira de Turismo do Concello da Coruña; Fernando Romay, excompoñente da Selección Española de Baloncesto e medallista olímpico, e Ramón Santiago, director comercial da firma. Entre os asistentes ao acto tamén estaban Eduardo Blanco, exconcelleiro de Deportes da Coruña, e Tristana Moraleja, deputada pola Coruña.

Tras as palabras de benvida de José Ramón Ónega, enxalzando a comuñón da comida coa amizade e o valor da gastronomía galega, tomou a palabra Fernando Romay quen se mostrou encantado pola cantidade de sensacións e recordos que lle xurdiron ao probar a selección de produtos obxecto de degustación, Ramón Santiago e María Luisa Cid, que afirmou que «os galegos somos uns hedonistas, gozamos con cada un dos nosos sentidos».

Santiago explicou que a empresa naceu para ofrecer cociña galega de calidade en toda España nun prazo máximo de 48 horas. Ao realizar cada pedido na web, un grupo de profesionais da cociña galega, dirixidos polo recoñecido cociñeiro Pablo Gallego, póñense en marcha. Selecciónase o mellor produto, prepárase, cocíñase e envíase. E todo iso, resaltou, con plena garantía tanto en canto á súa composición e orixe, coma á súa elaboración e, por suposto, engadiu, o transporte ata o domicilio. Así, as persoas que fan o seu pedido na web só teñen que quentar e empratar os produtos para gozar dos intensos sabores da cociña galega de sempre.

Entre os pratos máis solicitados polos clientes desta páxina destacan os mariscos, as carnes e os peixes, sempre da máxima calidade e frescura, comprados ex profeso para cada un dos pedidos recibidos. A maior parte das persoas que realizan os seus pedidos na súa web, son galegos que viven fóra da súa terra e persoas que visitaron Galicia e que quedaron prendados das marabillas da cociña galega.

A páxina recibe unha media de máis de 4.000 visitas ao mes de toda España. Ademais de Galicia, destacan por orde de importancia os visitantes de Madrid, Barcelona, Valencia, San Sebastián e Sevilla. Aínda que a menor escala, tamén recibiu visitas do estranxeiro ata un total de 20 países. Estados Unidos, Reino Unido, Francia, Portugal ou Arabia Saudí, son algúns exemplos.

 

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar