1,6 millóns para estimular o emprendemento feminino

A Secretaría Xeral da Igualdade dedicará este ano un presuposto de 1,6 millóns de euros a impulsar a formación, o fomento da empregabilidade e o emprendemento feminino, segundo anunciou esta mañá a titular do departamento, Susana López Abella, no trascurso da xuntanza celebrada a última hora desta mañá coa presidenta da Asociación de Mulleres Profesionais e Autónomas de Galicia (AMPAGA), Paloma Sobrino, e co presidente da Federación de Autónomos de Galicia, Francisco Javier Pérez Bello.

Durante o encontro, no que tamén participou a subdirectora xeral de Promoción da Igualdade, Carmen Orgeira, analizaronse os factores impulsores do emprendemento feminino e as liñas do departamento para 2012, que segundo explicou a titular de Igualdade se caracterizan por un compromiso económico «firme e sostido, en liña co mantido o pasado ano, nun momento como o actual, no que a dinamización económica e a creación de emprego son prioridades para o goberno de Galicia».

Susana López Abella puxo de relevo a influencia directa das medidas de conciliación sobre a taxa de empregabilidade feminina e a súa repercusión na rendibilidade e na produtividade das empresas. Neste contexto, a Secretaría Xeral centra o seu apoio ao emprendemento feminino a través do programa EMEGA, que este ano estará dotado con 665.000 euros e cuxa convocatoria estará estreitamente vencellada a criterios de conciliación.

Ao abeiro do programa EMEGA, mulleres galegas puxeron en marcha o pasado ano 72 proxectos empresariais, que xeraron un total de 100 postos de traballo, 78 son por conta propia, 22 por conta allea. Cada iniciativa empresarial percibíu unha axuda máxima de 18.000 euros, en función do número de postos de traballo creados, que este ano se vai incrementar notablemente na nova convocatoria, cuxa publicación está prevista para o mes de marzo.

As responsables de Igualdade e de AMPAGA coincidiron na necesidade de acadar unha presenza feminina no mercado laboral en sintonía coa presenza da muller na universidade, que en Galicia presenta unha taxa de feminización que chega ao 64% nalgúns centros, como a USC.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar