O PSOE recoñece o seu traballo; o BNG traslada as condolencias

  

O secretario xeral do PSdeG, Pachi Vázquez, realizou un «recoñecemento» do traballo levado a cabo polo expresidente da Xunta e fundador do PP, Manuel Fraga, do que destacou que contou cun «apoio importantísimo da cidadanía galega».

   «Desde as diferenzas ideolóxicas que nos separaron sempre, todo o PSdeG ten o máximo respeto pola persoa que foi durante tantos anos presidente da Xunta e que realizou un traballo moi importante ao longo destos anos», aseverou Pachi Vázquez en declaracións a Europa Press tras coñecerse a morte de Manuel Fraga.

   Asemade, trasladou «o máximo respeto» das filas socialistas ao político galego, así como o «apoio a toda a familia do PP e todas as persoas que sempre o apoiaron e creron nel».

BNG

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) trasladou as súas condolencias aos familiares e achegados do expresidente da Xunta e fundador do PP, Manuel Fraga, ao que se refire como «figura controvertida» co que «sempre mantivo profundas discrepancias» sobre como concibía Galicia.

   Nun comunicado, o BNG recorda que a traxectoria pública de Manuel Fraga estivo «marcada pola súa participación destacada como ministro da ditadura franquista», aínda que sinala que este non é o momento «para facer un xuízo ponderado» do seu traballo.

   Tras indicar que foi presidente da Xunta «durante un longo período de tempo e pola vontade da maioría dos galegos», o Bloque indica que «sempre mantivo profundas discrepancias coa forma na que Manuel Fraga concibía» a Comunidade galega e o «seu papel no Estado español», que cualifica como «unha visión claramente debedora das súas orixes políticas».

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar