Funeral o vindeiro sábado na Catedral de Santiago

 

O titular do Executivo galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou, onte, que o vindeiro sábado se celebrará un funeral na Catedral de Santiago a iniciativa da Xunta de Galicia en memoria de Don Manuel Fraga Iribarne.

Durante a súa visita á capela ardente do presidente Manuel Fraga, en Madrid, Alberto Núñez Feijóo precisou que será na Catedral de Santiago, “onde despediremos a Don Manuel; na Praza do Obradoiro, onde tomou posesión –lembrou- catro veces consecutivas como presidente da Xunta de Galicia”. Así mesmo, explicou que será despedido entre gaiteiros, “porque creo –dixo- que a el lle gustaría irse coa música de Galicia e cos gaiteiros que o acompañaron nas súas tomas de posesión”.

Feijóo quixo, coa súa presenza, dar o pésame a familia “e testemuñarlle o respecto, o cariño do pobo galego e, por suposto, de todas as forzas políticas, dos partidos políticos e do Goberno da Comunidade”.

O responsable autonómico asegurou sentirse orgulloso por un triplo motivo: como español, como galego e como político. “Como español –afirmou- porque o presidente Fraga foi un actor da Transición española; foi un dos creadores da Constitución, das liberdades e a democracia en España e, nada máis e nada menos, foi o presidente fundador do primeiro partido, xunto co Partido Socialista Obreiro Español, o Partido Popular, que é o partido onde descansa alternativamente o Goberno de España”.

Feijóo aseverou sentirse orgulloso, tamén, como galego “porque, se é verdade –dixo- que na súa cabeza cabía o Estado é verdade que na súa alma cabía e cabe Galicia”. “E, por último, -engadiu- síntome orgulloso, tamén, como político, porque Don Manuel acreditou que é un político que: soubo chegar, e a cada posto que chegaba, chegaba con entusiasmo; soubo estar, e cada traballo seu era un traballo de dedicación; e, soubo irse coa dignidade e coa humildade dun galego de ben e dun presidente da Xunta que o é e será porque foi o presidente que máis veces gañou as eleccións e foi un presidente máis que gañou Galicia”.

O titular da Xunta cualificou a Fraga Iribarne como unha persoa “clave” que modernizou e cambiou Galicia; “e, sobre todo, -precisou- creo que conseguiu unha cousa: a autoestima de ser galego e a autoestima desa terra que colocou nun dos lugares de maior modernización e de maior renda de España”.

Por último, Feijóo resaltou que o traballo de Don Manuel deu os seus froitos e, hoxe, se despide cunha plenitude ao seu proxecto político que moi poucos políticos en España e en Europa conseguiron.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar