Feijóo recolle «o pesar e a tristura do pobo galego»

 

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, transmitiu, hoxe, o pesar e a tristura de todo o pobo galego polo falecemento, nas últimas horas, do ex presidente da Xunta de Galicia, Manuel Fraga Iribarne, “referente indiscutible da nosa Historia recente”.

“Don Manuel Fraga é indiscutiblemente un referente da nosa Historia: como un dos pais da Constitución Española; como fundador dun dos grandes partidos sobre os que se asenta a alternancia democrática en España; e como presidente dunha das tres nacionalidades históricas desde a que, durante 16 anos contribuíu non só a consolidar as institucións de autogoberno de Galicia senón, tamén, a mellorar coas súas propostas a configuración do Estado Autonómico, desde a máis fonda lealdade á nación española”, afirmou Feijóo.

O responsable do Goberno galego destacou, deste xeito, o “inxente labor” do político de Vilalba na defensa dos intereses do pobo galego no marco da España constitucional das autonomías, así como a súa “incuestionable” contribución ao desenvolvemento económico e social de Galicia. “Estamos a falar do home que dirixiu boa parte da modernización desta Galicia nosa”, salientou.

Alberto Núñez Feijóo trasladou á familia de Don Manuel Fraga Iribarne “o máis sentido pésame e o cariño de toda Galicia” polo falecemento do insigne político “que puxo toda a súa intelixencia e todo o seu corazón a disposición de Galicia e dos galegos”.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar