Satisfacción na Xunta polo aprazamento da débeda

A conselleira de Facenda, Elena Muñoz, expresou este sábado a «enorme satisfacción» do Goberno galego pola decisión do Executivo central de aprazar a dez anos a devolución dos anticipos a conta das comunidades correspondentes ás liquidacións negativas dos anos 2008 e 2009.

Nun comunicado, Muñoz recordou que foi o Goberno galego o que lideró esta petición de poder devolver estas liquidacións negativas en dez anos en lugar de en cinco.

Sinalou que a Xunta solicitou «en reiteradas ocasións» no Consello de Política Fiscal e Financeira (CPFF) este aprazamento e foi «sumando apoios» ata conseguir practicamente o respaldo de todas as autonomías.

Non obstante, indicou que, a pesar da petición «continuada e argumentada» que permitiría ás autonomías dispoñer «dunha maior liquidez» para atender as súas obrigas, o Executivo galego se atopou «unha e outra vez» coa negativa do anterior Goberno socialista.

Por iso, a conselleira celebrou que, «cando non transcorreu nin un mes» da toma de posesión do novo Executivo do PP, este atenda esta petición, que «axudará» a todas as autonomías no financiamento dos servizos básicos.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar