Beiras, Táboas e Noriega presentan candidatura no congreso do BNG

O Encontro Irmandiño, cos seus referentes Xosé Manuel Beiras e Martiño Noriega, a independente Teresa Táboas (exmilitante de +Galiza) e o líder do Partido Nacionalista Galego (PNG) –integrado no Bloque–, Xosé Mosquera, presentarán unha candidatura conxunta no congreso que o  BNG celebrará os próximos 28 e 29.

Os integrantes da candidatura pretenden reclamar así  unha «fronte plural», en referncia ó Bloque,  configurando una lista «alternativa na asamblea».

En rolda de prensa, Martiño Noriega lamentou que nos últimos días as negociacións se converteron nun «intercambio de cromos e nomes», motivo polo cal estas catro persoas que, segundo as súas propias palabras, representan «parte da pluralidade» do BNG (en que o 70 por cento da afiliación non pertence a ningunha corrente) saíron publicamente. «O futuro do BNG pasa pola pluralidade dun proxecto común», manifestou o alcalde de Teo.

Con apenas 48 horas para que remate o debate nas asembleas comarcais das teses, un proceso previo necesario para que prosperen textos alternativos ao de base (que é o presentado pola UPG), Beiras non quixo dar por roto o diálogo, pero si rexeitou que este se cinga a unha cuestión «bilateral» entre o Encontro Irmandiño e +Galiza.

Ademais, recoñeceu a existencia dun preacordo coa corrente que lidera Carlos Aymerich para presentar unha emenda conxunta, aínda que non quixo aclarar se prosperará este documento para o plenario de finais de xaneiro, o cal deixaría sen un texto de unidade aos ‘irmandiños’ e +Galiza, se ben ambas as dúas sensibilidades manteñen os seus documentos propios como votos particulares. Sobre o preacordo, sinalou que está paralizado dende este mércores.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar