Rueda chama ó Concello de Vigo a ceder terreos para os novos xulgados

O conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Alfonso Rueda destacou hoxe que o proxecto do novo edificio xudicial de Vigo está listo, e que o goberno galego segue á espera de que o concello lles ceda os terreos para poder así dar comezo á construción do novo edificio xudicial.
Rueda, mantivo no día de hoxe unha xuntanza ca delegada da Xunta en Vigo, Lucía Molares e co arquitecto responsable do proxecto, quen lles explicou as adaptacións feitas, xa que basicamente o proxecto é o mesmo que o inicial, que data da anterior lexislatura, e agora simplemente se ten modificado a posición do edificio.

 

O conselleiro lembrou que a Xunta ten reservada para esta infraestrutura tan imprescindible para a cidade olívica, unha partida de 15 millóns de euros dende fai tres anos, e que o alcalde comprometera por escrito a iniciar as expropiacións dos terreos necesarios e poñelos a disposición da Xunta, o mesmo procedemento que se está a facer no resto de cidades incluídas no ambicioso Plan de Infraestruturas Xudiciais que puxo en marcha o Goberno galego.
Ase mesmo, o conselleiro en aras dun maior consenso do proxecto, afirmou que vaise remitir o proxecto a todos os sectores implicados, xuíces, avogados, procuradores, fiscais, funcionarios e demais empregados da Xustiza en Vigo, para que o coñezan e poidan facer suxestións.
O conselleiro da Presidencia insistiu na necesidade perentoria de espazo xudicial en Vigo e instou de novo ao alcalde a que cumpra o seu compromiso de ceder os terreos necesarios para construír a Cidade da Xustiza, unha infraestrutura tan necesaria para os vigueses.
O novo edificio xudicial de Vigo contará con máis de 18.000 metros cadrados construídos sobre unha parcela de máis de 10.000 metros cadrados, con espazo suficiente para solventar as necesidades de infraestruturas xudiciais para a cidade para os vindeiros anos.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar