Pesca procura unha postura unánime no sector para trasladar a Bruxelas

A Xunta creará dous grupos de traballo para presentar en Bruxelas unha postura de Galicia única e consensuada entre sector, administración e grupos parlamentarios sobre a futura política común de pesca. Así o especificou a conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana en Vigo durante a presentación do libro Planteamientos del sector pesquero español a las propuestas para la Política Pesquera Común, da Cooperativa de Armadores do Porto de Vigo, ARVI. Alí adiantou que a intención é dispor no mes de xuño dun documento único para levar ante Europa, do mesmo xeito que se fixo co Libro Verde.

A conselleira indicou que a próxima semana a Xunta reunirá aos grupos parlamentarios para preparar un documento coas súas propostas, que se prevé que estea en marzo. Estas propostas serán trasladadas ao Consello Galego de Pesca, onde posteriormente se creará outro grupo de traballo. Rosa Quintana sinalou que se traballará seguindo as bases asentadas no documento de análise xurídico e proposta de modificación da PCP, realizado entre a Consellería do Medio Rural e do Mar e o Instituto de Estudos Europeos Salvador de Madariaga, no que se abordan os puntos fundamentais das propostas.
Rosa Quintana destacou a importancia da participación de ARVI neste proceso, xa que, lembrou a conselleira, tamén foi participante activo no proceso do Libro Verde e ten voz autorizada do sector pola amplitude e aptitude dos seus representantes e sectores aos que acolle. Neste sentido, salientou que a Xunta comparte moitos dos aspectos do libro presentado por ARVI, que tamén aparecen reflectidos no documento base que elaborou a Consellería e o Instituto Salvador de Madariaga.

Dous aspectos fundamentais
Destes aspectos comúns, Rosa Quintana, destacou o da defensa da igualdade entre os aspectos ambiental, social e económico da actividade pesqueira. Por outra banda, tamén se referiu ao principio de estabilidade relativa. A Xunta valora negativamente que se manteña na proposta europea da futura PCP, xa que constitúe un desequilibrio na xestión e ordenación das pesquerías europeas e é particularmente prexudicial para España. Neste aspecto, destacou a conselleira, a Xunta de Galicia chegará ata as últimas instancias na procura de que a proposta galega sexa tida en conta.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar