Mais medidas e máis cartos contra a violencia de xénero

Susana López Abella, secretaria xeral de Igualdade

O DOG publica hoxe a convocatoria de axudas da Secretaría Xeral da Igualdade aos concellos de Galicia para por en marcha iniciativas no eido da prevención da violencia de xénero, da igualdade e da conciliación, por un importe de 3.633.900 euros. Este presuposto supón o 34,2% do orzamento do departamento, segundo destacou esta mañá a secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, na rolda de prensa celebrada para presentar esta convocatoria anual, na que estivo acompañada pola subdirectora xeral de Promoción da Igualdade, Carmen Orgeira.

As axudas caracterízanse este ano polo criterio de máxima axilidade administrativa na convocatoria, “co obxectivo de adiantar a concesión das axudas aos concellos”, segundo explicou a titular de Igualdade, unha axilidade que afecta ás tres fases do procedemento, á data de convocatoria, á resolución e ao pagamento aos concellos.

A publicación da convocatoria nos primeiros días do ano vai permitir un adianto de tres meses no procedemento, de xeito que está previsto que en maio estean resoltas, mentres en convocatorias anteriores resolveronse no mes de agosto. Este adianto conleva vantaxes para os concellos, que dispoñen dun prazo máis amplo de tempo para planificar e desenvolver as súas actividades e, asemade, percibirán antes as axudas.

Susana López Abella destacou o importante papel das corporacións locais na difusión da cultura da igualdade e da prevención da violencia, por ser as administracións máis próximas á cidadanía, así como o compromiso do departamento para axilizar os pagos. Igualdade realizará un primeiro pagamento anticipado do 80% do importe das axudas unha vez resoltas, para que os concellos dispoñan dos recursos canto antes e cando realmente os precisan, nunha conxuntura na que coinciden a complexa situación financeira e unha maior demanda de servizos da veciñanza.

Os concellos dispoñen dun mes, a partires de hoxe, para presentar as súas solicitudes a esta convocatoria, que estrutura as axudas en catro liñas de actuación: igualdade, prevención da violencia, medidas de conciliación e apoio aos CIMs. No seu conxunto, cada corporación local pode acceder a un máximo de 67.000 euros de axudas, distribuídos en 45.000 para o CIM, 12.000 para medidas de conciliación e 10.000 para promoción da igualdade e prevención da violencia.

A liña de promoción da igualdade está destinada a medidas como actividades de coeducación ou elaboración de plans municipais de igualdade de oportunidades; a liña de prevención e tratamento da violencia de xénero para accións e medidas de sensibilización e concienciación, así como de intervención integral coas mulleres vítimas; a liña de axudas para accións de conciliación subvenciona actividades de bancos de tempo, plans de programación do tempo da cidade e outras, como campamentos de verán ou ludotecas; e a liña con maior dotación económica é a adicada aos CIMs, cun presuposto total este ano de 3,13 millóns de euros.

Axudas en 2011
No pasado ano, o importe de axudas concedidas aos concellos ascendeu a 3.053.665 euros. A liña de promoción da igualdade foi a que orixinou maior participación, con 105 concellos que obtiveron subvención ás súas iniciativas, seguida da liña de prevención da violencia de xénero con 60 concellos e das medidas de conciliación con 31 corporacións locais. O número de CIMs que percibíu axudas en 2011 foi de 71.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar